Preséntase na Facultade de Historia o volume Historia de la Galicia Moderna
Os resultados máis sobresaíntes da investigación que os historiadores e historiadoras galegas realizaron ao longo dos últimos 25 anos no campo da historia moderna de Galicia aparecen compilados nun volume, Historia de la Galicia Moderna, que este martes 16 se presenta publicamente na Facultade de Xeografía e Historia. O acto será ás 12.00 horas na Aula 14 da Facultade e nel intervirán o decano da Facultade, Juan Monterroso; o director do Departamento de Historia Medieval e Moderna, Hortensio Sobrado; o profesor da USC e coordinador da obra, Isidro Dubert; e o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan L. Blanco Valdés. Nove artigos Cun prefacio de Isidro Dubert, o volume comeza cun artigo de Ofelia Rey Castelao que explica o contexto de conformación do reino de Galicia e das sinais propias de identidade. Camilo Fernández Cortizo achega as causas históricas do desequilibrio poboacional galego sobre o territorio e o diferente grao de urbanización, á vez que profunda no asunto da mobilidade e as migracións. ‘A familia e as idades da vida’ é o título da colaboración que asinan Hortensio Sobrado Correa e Isidro Dubert e na que mostran os cambios básicos sufridos en función do lugar onde residían os cabezas de casa e a súa posición social, o papel da muller ou o funcionamento do servizo doméstico. Pola súa banda, Pegerto Saavedra ensina a importancia que na época moderna exerceu “a mirada allea” na creación dun estereotipo “negativo” social e cultural sobre a xente galega que contrastaba “coa tozudez dunha realidade histórica manifestamente positiva e favorable no eido vital, demográfico ou económico”. Continúa o volume con achegas de Isidro Dubert sobre o mar e o comercio e de Vítor Migués e Andrés Presedo sobre o mundo dos privilexiados, con atención aos pazos e as casas fidalgas ou ao alto e baixo clero secular, entre outras cuestións. Os órganos de poder real e señorial que había en Galicia e as implicacións derivadas da relación que o reino mantivo coa monarquía española son estudadas por María del Carmen Saavedra Vázquez, mentres que Roberto López atende aos máis variados aspectos da cultura material e a cultura letrada, con especial atención á relixiosidade, ao control ideolóxico, á moral, ás institucións de ensinanza e á Ilustración. O libro remata cunha síntese das últimas grandes liñas de investigación desenvolvidas polo grupo de Historia Moderna da Universidade de Santiago.