Preséntase o Fondo Andrés Gaos, doado á USC para a súa custodia
O reitor Juan Viaño preside este martes 17 o acto académico de presentación do Fondo Andrés Gaos, doado recentemente á USC polo seu fillo, Andrés Gaos Guillochón. Ás 20.00 horas no Paraninfo da Universidade, na cerimonia intervirán ademais os responsables da xestión e traslado do fondo Gaos así como a directora da Bilbioteca Xeral. O acto pecharano o violinista Florian Vlashi e o pianista Julio Mourenza, que interpretarán dúas pezas do compositor coruñés: o primeiro tempo da Sonata Op, 37 e a Habanera, Op. 19.
O fondo documental do recoñecido compositor e violinista Andrés Gaos (A Coruña, 1874–Mar de Prata, 1959) quedará depositado na Biblioteca América para o seu estudo e divulgación. Está composto por partituras, cartas, recortes de prensa, programas de man, documentación sobre a súa actividade laboral, fotografías, un fondo discográfico así como os últimos dous violíns que conservaba a familia de Andrés Gaos, considerado como o maior representante da escola española de violín.
A pesares do seu talento e de todos os recoñecementos que recibiu, Andrés Gaos pasou a ser un grande descoñecido na súa terra a mediados do século XX ata que hai unhas décadas o director da banda coruñesa, Rodrigo Santiago, recuperou e interpretou gran parte da súa obra, e o investigador e músico Ramiro Cartelle fundou a Asociación Musical Andrés Gaos e foi artífice da doazón á cidade da Coruña de parte do arquivo do compositor así como de dous violíns. Tamén xogou un papel destacado Joám Trillo, que rescatou e editou parte da súa obra, algunha interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a dirección de Víctor Pablo Pérez.
Precisamente, Trillo ten un papel fundamental na doazón á USC xunto con Montserrat Capelán, do equipo integrado no Plan Nacional de Investigación do MINECO ‘Fondos documentais de música nos arquivos civís de Galicia (1875-1951) que dirixen os profesores da USC Carlos Villanueva e Javier Garbayo, que fixeron un gran traballo xunto co fillo do compositor e as xestións da Biblioteca América.
O equipo responsable do estudo do fondo doado ten previsto, no prazo de dous anos, publicar unha monografía do compositor así como algunha das súas obras inéditas e difundir en concerto parte do seu repertorio en paralelo á restauración dos violíns. Xa en 2019, cando se cumpran 60 anos do falecemento de Gaos, terá lugar un seminario internacional acompañado dunha exposición.