Preséntase en Historia o libro Arousa medieval e románica
A sala de profesores da Facultade de Xeografía e Historia acollerá o luns 9 a presentación do libro Arousa medieval e románica, editado con motivo do I Simposio de historia e patrimonio cultural de Vilagarcía de Arousa celebrado na vila pontevedresa en maio de 2013. Na presentación, ás 12.00 horas, intervirán o decano da Facultade, Juan Manuel Monterroso; o editor do libro, Augusto Guedes; o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Tomás Fole; a concelleira de Cultura e Deportes do concello arousán, Rocío Llovo; e Alicia Padín, membro da Asociación ‘Amigos del Románico’ e colaboradora na obra. A publicación recolle artigos dos docentes da USC Juan Manuel Monterroso Montero, Carlos Baliñas Pérez e Isabel Morán Cabanas e doutras universidades españolas como Manuel Castiñeiras, da Autónoma de Barcelona, e Xurxo M. Ayán Vila, do País Vasco.