Preséntase un libro sobre a accesibilidade dos museos cunha proposta para Galicia
Analizar a accesibilidade dos museos galegos para formular alternativas que permitan a inclusión e a participación de persoas con discapacidade na vida social e cultural. Ese é o propósito do libro La accesibilidad de los museos: visiones y perspectivas. Una propuesta de intervención en Galicia (Andavira Editora) que este mércores 25 se presenta ás 12.00 horas no Museo das Peregrinacións (Praza de Praterías).
Dirixiron o traballo a profesora da USC Rosa Margarita Cacheda Barreiro e Moisés Lamigueiro Romeo, responsable das Áreas de Familias e Social de Fademga Plena inclusión Galicia. De feito, o proxecto desenvolveuse no Departamento de Historia da Arte da USC ao amparo do grupo de investigación Iacobus e nel colaboraron tamén organizacións que apoian a persoas con discapacidade como FADEMGA ou COGAMI, ademais do estudo de arquitectura Liquen Estudio.
Á presentación deste mércores acudirán o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo Suárez; a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro Vázquez; o director do grupo Iacobus e decano da Facultade de Xeografía e Historia, Juan M. Monterroso; a profesora Rosa M. Cacheda; e a directora de Antavira, Lucila Ventoso.