Preséntase un novo libro do CIFEX dedicado á cultura da paridade
A terceira obra editada polo Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC (CIFEX) estará dedicada aos Diálogos en la cultura de la paridad, título do volume que se presentará este mércores 20 nun acto presidido polo reitor Juan Casares e que se formula a modo dunha reflexión sobre feminismo, socialización e poder. A presentación pública da obra comezará ás 11.00 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca coa presenza ademais da directora do CIFEX, Rita Radl; da concelleira de Familiar, Muller e Igualdade, Benestar Social, Maiores e Educación, María Castelao; dos coordinadores do volume, o profesor Jorge García e a profesora Begoña Gómez; e do director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco. A obra pretende axudar a crear unha comunidade de diálogo eficaz entre as mulleres e homes de distintas culturas partindo das teorías feministas para analizar o pensamento das diferenzas de xénero.