Ir o contido principal

Preséntase o libro 'Na nosa lyngoage galega. A emerxencia do galego como lingua escrita na Idade Media'

O Instituto de Lingua Galega da USC e o Consello da Cultura Galega presentan este martes, día 11, o libro Na nosa lyngoage galega. A emerxencia do galego como lingua escrita na Idade Media, que editan conxuntamente.
No acto, que se celebrará ás 11:00 horas na sede do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi), participarán o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o secretario desta institución, Henrique Monteagudo; a directora do Instituto da Lingua Galega, Rosario Álvarez; e Ana Boullón como editora do volume. Ademais, estará presente Ramón Lorenzo, a quen se dedica o volume como mostra de recoñecemento á súa traxectoria neste campo.
Na publicación reúnense diversos estudos elaborados por especialistas da USC e doutras universidades españolas e europeas que abordan con diferentes perspectivas (histórica, paleográfica, lingüística) as condicións que posibilitaron o inicio da escrita en galego na Idade Media. Tamén se teñen en conta as situacións do contorno xeográfico e lingüístico galego (en Portugal, Castela e Cataluña), e o encadramento no ámbito europeo, así como determinados aspectos particulares que deitan luz sobre o tema.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.03.2008.