Ir o contido principal

Preséntase no Mupega o libro "Actividades e Recursos Didácticos dos Museos de Galicia"

Actividades e Recursos Didácticos dos Museos de Galicia é o título da obra que este sábado, día 29, se presentará no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA). O libro, no que participan varios profesores da USC, estivo coordinado polo profesor da USC Xesús Rodríguez e pola investigadora Ana Pose.
Á súa presentación, que terá lugar ás 11:00 horas, asisten o director xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias; os coordinadores da publicación; o director do MUPEGA e do Departamento de Didáctica e Organización Escolar, Antonio Rial; e a directora de Publicacións da Editorial Toxosoutos, Iria Lago. Previamente, ás 10:00 horas todos eles visitarán tamén no Mupega a exposición ‘Actividades e recursos educativos dos Museos de Galicia’.
No libro ofrécense reflexións de diversos profesionais que traballan en temas relacionados coa educación dos museos para tamén axudar a coñecer a programación educativa estable e os recursos educativos dunha boa parte dos museos galegos.
A obra acompáñase dun CD onde se recolle dun xeito sistemático a oferta didáctica dos museos galegos que contan con servizo educativo dentro do seu organigrama ou, no seu defecto, cunha programación educativa estable, xunto coa descrición dos materiais didácticos que elaboran nas propias institucións museísticas como apoio e reforzo a ditas actividades.
En opinión dos coordinadores, con este conxunto bibliográfico e documental bríndase “un valioso recurso” para coñecer, difundir e sacarlle proveito didáctico á oferta educativa dos museos galegos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.03.2008.