Ir o contido principal

Preséntase en Portugal o Club de Lectura Virtual Eurorrexional, unha iniciativa do CEER

O auditorio do Agrupamento de Escolas de Agrela e Vale do Leça de Porto acolle este venres 15, ás 11:30 horas (local) a presentación do Club de Lectura Virtual Eurorrexional, unha iniciativa do Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) que conforman as seis universidades públicas de Galicia e o Norte de Portugal.
A Fundación CEER creou o Club de Lectura Virtual Eurorrexional co afán de promover novas pontes de diálogo, interacción, intercambio e coñecemento mutuo entre Galicia e o norte de Portugal. Nesta andaina contouse coa colaboración dos centros educativos o Agrupamento de Escolas de Agrela e Vale do Leça do Porto e Instituto Público galego Virxe dos Remedios. Todos eles debaterán conxuntamente obras literarias de diferentes temáticas, fomentarán o coñecemento mutuo entre estudantes portugueses e galegos e o intercambio de experiencias.
Logo da inauguración propiamente dita, desenvolverase un debate ás 12:00 horas sobre o Club de Lectura Virtual Eurorrexional como ferramenta de apoio ao profesorado e de achegamento e colaboración entre centros de secundaria galegos e portugueses.
Posteriormente, na sede do Clube Literario do Porto a Fundación CEER organiza o proxecto ‘Cultura e Ciencias compartida. Lecturas na Eurorrexión’ co que se trata de dar un novo impulso á innovación social. Preténdese así impulsar o coñecemento de escritores galegos e portugueses, o intercambio de estudantes de educación secundaria, a creación de e-contidos relacionados coa ciencia e a cultura e o impulso á creación dunha revista divulgadora da ciencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.01.2010.