Preséntase na Universidade de Boston unha aplicación deseñada pola USC para a alfabetización dixital en áreas rurais
O Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio GIS-T IDEGA da Universidade de Santiago é o responsable do deseño dunha ferramenta técnica para a alfabetización dixital de comunidades residentes en áreas rurais que se presenta este sábado 18 na Northeastern University de Boston (USA) no marco da Fourth International Conference on Technology, Knowledge and Society.
O Sistema de Información Xeográfica (GIS) permite planificar as actividades e mellorar a dirección e xestión dos esforzos públicos e privados en materia de difusión das utilidades TIC entre as persoas, regulando a distribución espacial e estratéxica do traballo que deben desenvolver os técnicos para alfabetizar dixitalmente a unha comunidade marxinada.
Coa ferramenta GIS que se presentará en Boston obtéñense mapas temáticos que cartografan a presenza e uso das TIC no municipio piloto de Brión (A Coruña) e os contidos dixitais xerados polo sistema de xestión do web www.InfoBrion.com, tanto da sección ‘Brión Pobo’ como da plataforma ‘Cibereducación’. A representación cartográfica dos contidos dixitalizados de InfoBrion mostran claramente cales son as parroquias e asentamentos que xeran máis información de interese para a comunidade virtual, localizándose así os espazos e asentamentos más e menos enganchados á Sociedade da Información.
Os contidos nestas redes virtuais son de grande interese para favorecer a difusión das TIC e vencer a Brecha Dixital ao permitir organizar e orientar estratexicamente o traballo de alfabetización da comunidade. Con esta ferramenta cartográfica pódese coñecer onde están as computadoras, para que se usan, a distribución dos teléfonos móbiles, a difusión territorial dos xornais entre as familias ou o tipo de conexión que teñen a Internet.
O profesor Carlos Ferrás matiza as potencialidades desta ferramenta, coa que se pode saber “cales son as aldeas enganchadas á rede e cales as desenganchadas” e con iso “impulsar programas de intervención social e alfabetización dixital onde son máis necesarios”. Por exemplo, explica, “podemos orientar os esforzos de dixitalización das testemuñas orais dos anciáns ou das tradicións ou de calquera manifestación cultural local” para editar no web de InfoBrión, “logrando deste xeito atraer a atención cara ás novas tecnoloxías das familias e comunidades residentes nos lugares marxinados da sociedade da información”.