Presentouse en Ciencias da Educación un libro que busca crear pontes entre educación social e escola
A Facultade de Ciencias da Educación acolleu este mércores a presentación do libro Educación social e escola. Unha análise da última década (2006–2016). A obra recolle as actas do I Congreso Internacional de Educación Social e Escola, co obxectivo de crear pontes entre os colexios e os educadores sociais. O profesor da USC e coordinador desta obra, Xesús Rodríguez, asegurou que “o obxectivo era dar un paso máis aló e contar con achegas a nivel internacional”.
A publicación busca dar a coñecer o sentido da educación social na escola, ademais de alimentar espazos de diálogo, reflexión e aprendizaxe profesional. Este libro significa a continuación dunha liña de traballo compartida con múltiples entidades internacionais e universidades. É o resultado da análise de experiencias locais galegas, pero tamén doutros territorios.
A secretaria do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Andrea Maroñas Bermúdez, sinalou “a importancia da educación en valores nunha escola na que tamén aprendemos as ser persoas”, ao que engadiu que a escola debe cumprir coa súa función mediadora, educativa e preventiva, co obxectivo de detectar a tempo os problemas sociais.
No acto tamén estiveron presentes membros do equipo coordinador da obra, como Mª Montserrat Castro Rodríguez e Xosé Manuel Cid Fernández; e o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval Soto, quen destacou a necesidade de “achegar á sociedade o verdadeiro papel dos educadores e educadoras porque é imposible educar sen a súa presenza”.
Alumnado no acto de presentación. Foto: Paula Martínez Graña Presentación do profesor da USC Xesús Rodríguez. Foto: Paula Martínez Graña De esquerda á dereita: Xosé Manuel Cid Fernández, Andrea Maroñas Bermúdez, Manuel Doval Soto e Mª Montserrat Castro Rodríguez