Presentouse en Lugo a sexta edición do curso de formación teatral ‘Teateatre’
Actores, actrices e directores de teatro son os principais destinatarios da sexta edición do curso de formación teatral ‘Teateatre’ que se impartirá en Lugo dende o 1 ao 5 de setembro. Os dramaturgos Vicente Fuentes e Elisa Marinas, que desenvolven o seu traballo como asesor de verso e axudante de dirección na Compañía Nacional de Teatro Clásico, dirixirán as sesións desta actividade, que se desenvolverán na Aula de Teatro e Danza da Facultade de Veterinaria en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. Ata dezaseis alumnos e cinco oíntes poderán participar neste curso de carácter eminentemente práctico. Así, polas mañás os asistentes afondarán nas cualidades da voz e no verso atendendo ás diferentes propostas de articulación e ritmo da linguaxe, ás modulacións de acentos e á entoación en xeral, mentres que polas tardes, traballarán con escenas das obras El p erro del hortelano e Moza del Cántaro de Lope de Vega . As persoas interesadas en asistir ao ‘Teateatre’ poden reservar a súa praza ata o vindeiro 13 de agosto, ou ata que se cubran as prazas ofertadas, chamando ao teléfono 982.820.000, extensión 21513, en horario de 9:30 a 13:30 horas. Unha vez confirmada a reserva teranse tres días de prazo para facer o pago bancario e remitir o xustificante xunto á folla de inscrición á Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade. A USC colabora por quinto ano consecutivo na posta en marcha desta actividade formativa que organizan conxuntamente o Concello de Lugo e o Proxecto Buxiganga da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial baixo a coordinación de Palimoco Teatro. A sexta edición do curso Teateatre presentárona este martes o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; a concelleira de Cultura, Nuria Mundiña; o delegado de Cultura da Deputación Provincial, Antonio Veiga; a directora da Escola de Arte e Lecer de Fingoi, Asunción Fernández; e a actriz Alba Fernández, en representación de Palimoco Teatro.