Ir o contido principal

Presentouse no Ministerio de Educación a Biblioteca Matemática Dixital Española

Promovida polo Centro de Información e Documentación Científica do CSIC, na iniciativa está implicado o profesor da USC Enrique Macías

A Biblioteca Matemática Dixital Española leva dixitalizadas ata o momento máis de 75.000 páxinas dos artigos publicados nas últimas tres décadas neste área de coñecemento. A Biblioteca, incluída no proxecto DML-E (Digital Mathematical Library-España), presentouse este mércores no Ministerio de Educación e Ciencia nun acto no que interviñeron o secretario xeral de Política Científica, Francisco Marcellán Español; a responsable do proxecto, Rosa de la Viesca; e o presidente da Comisión de Información e Comunicación Electrónicas do Comité Español de Matemáticas (CEMAT) e membro do Comité de Publicacións da Sociedade Matemáticas Europea (EMS), o profesor da USC, Enrique Macías.
O proxecto DML-E está desenvolvido polo Centro de Información e Documentación Científica do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en colaboración co Comité Español de Matemáticas. Ademais, este proxecto forma parte da Biblioteca Dixital Mundial de Matemáticas (WDML) que impulsa a Unión Matemática Internacional e cuxo obxectivo é dixitalizar toda a literatura de investigación do ámbito das matemáticas.
Segundo os seus promotores, esta iniciativa xurde nun intento por axilizar a incorporación das publicacións matemáticas á rede, proceso que neste campo foi ata o momento máis lento que noutras disciplinas científicas. Iniciando o seu traballo en setembro de 2005, o proxecto DML-E comezou a elaboración desta biblioteca dixital especializada coa coordinación internacional doutros proxectos paralelos, o que deu paso á dixitalización das doce principais revistas matemáticas españolas, incluíndo a elaboración de fichas bibliográficas por cada artigo. Finalmente, deseñouse un portal de acceso bilingüe onde os investigadores atoparán todo o material sen restricións e gratuitamente (http://dmle.cindoc.csic.es/).
Os promotores da iniciativa destacaron na presentación que a Biblioteca representa un proxecto esencial para as matemáticas non só por facilitar o acceso a traballos antigos senón porque moitas revistas matemáticas non se comercializan e son difíciles de conseguir. O proxecto DML-E poderá ampliarse no futuro coa inclusión de novas revistas matemáticas españolas de calidade, así como unha franxa temporal máis ampla para determinadas revistas de alto nivel.
Centro de Información e Documentación Científica (CINDOC)O Centro de Información e Documentación Científica do Consello Superior de Investigacións Científicas é o organismo que proporciona apoio documental e información científica aos investigadores españois en todas as áreas. No CINDOC realízanse tamén estudos bibliométricos e desenvólvense ferramentas para procesar, almacenar e distribuír a produción científica española. Está formado por uns cen persoas, incluíndo documentalistas, investigadores e técnicos.
Comité Español de Matemáticas (CEMAT)O Comité Español de Matemáticas é un organismo no que participan todas as sociedades de matemáticas españolas. Ademais, representa á Unión Matemática Internacional (IMU) e asesora ao Ministerio de Educación e Ciencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.06.2007.