Ir o contido principal

Pretenden crear unha rede de estudo da violencia política e a mobilización revolucionaria en Europa e América Latina entre 1960 e 1990

De esquerda a dereita, Ofelia Rey, Shtepane Michonneau, Juan Casares, Lourenzo Fernández e Eduardo Rey. Foto: Servimav-USC
De esquerda a dereita, Ofelia Rey, Shtepane Michonneau, Juan Casares, Lourenzo Fernández e Eduardo Rey. Foto: Servimav-USC
Un seminario internacional estuda na USC a onda de violencia da nova esquerda revolucionaria en América Latina e Europa

Partindo do estudo das ondas da violencia revolucionaria proposta por David C. Rapoport, a USC acolle este luns e o martes un encontro en torno ás orixes, desenvolvemento e declive da ‘nova esquerda’ revolucionaria en América Latina e Europa, que o autor sitúa entre os anos sesenta e oitenta do século XX. O seminario internacional ‘A onda revolucionaria da nova esquerda en América Latina e Europa’, a desenvolver no Centro de Estudos Avanzados (CEA), propón un debate de alta especialización con prestixioso persoal investigador sénior. Todas as sesións pódense seguir por streaming. A inauguración tivo lugar esta mañá e nela, baixo a presidencia do reitor Juan Casares, participaron o director de Estudos para a Época Moderna e Contemporánea da Casa Velázquez, Shtepane Michonneau; o director do Departamento de Historia Contemporánea e de América, Lourenzo Fernández; a responsable do convenio e relacións coa Casa Velázquez, Ofelia Rey; e o coordinador do encontro, Eduardo Rey. Os asistentes profundarán estes días nos nexos entre organizacións e grupos en e entre ambos os dous continentes no referido á difusión de ideas e repertorios de acción; a colaboración, axuda ou solidariedade entre organizacións tanto latinoamericanas como europeas; e as perspectivas comparadas que permitan atopar posibles patróns comúns de xurdimento, desenvolvemento e desaparición de grupos armados dentro da onda da ‘Nova Esquerda’. Rede internacional Durante a primeira xornada desenvólvese o Seminario Internacional ‘Perspectivas transnacionais na investigación da violencia política’, que busca indagar en torno ás cuestións sinaladas a través do debate con investigadores de referencia no panorama internacional como Peter Waldmann, Eduardo González Calleja, Timothy Wickham-Crowley e Yvon Le Bot. Comezou a sesión con Le Bot, do Centro de Análises e Intervencións Sociolóxicas de París, cunha conferencia sobre o cambio de paradigma en América Latina: da revolución tercermundista ao movemento social na globalización. Seguiulle Peter Waldmann, da Universidade de Augsburgo (Alemaña), cun seminario sobre o terrorismo europeo e as guerrillas latinoamericanas. Pola tarde, Timothy Wickham-Crowley, da Universidade Georgetown (EE.UU.), falará da organización de movementos guerrilleiros en América Latina. O martes estará dedicado á exposición de liñas de investigación que deriven na busca de puntos de encontro de cara á futura construción dunha Rede Internacional entre América Latina, Europa e Estados Unidos dedicada ao estudo comparado da violencia política e a mobilización revolucionaria entre 1960 e 1990. A xornada comezará coa intervención, ás 9.00 horas, do profesor Eduardo González calleja, da Universidade Carlos III (España), que introducirá a cuestión do debate conceptual entre o terrorismo europeo e a guerrilla latinoamericana e logo seguiranlle as intervencións de investigadores chegados de Arxentina, México, Italia, Holanda, Finlandia e Alemaña. Persoal investigador asistente ás xornadas no CEA. Foto: Servimav-USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.11.2013.