Preto de 150 especialistas danse cita en PROPOR, o congreso internacional en procesamento da lingua portuguesa
A decimosexta edición do Congreso Internacional sobre Procesamento Computacional do Portugués (PROPOR-2024) desenvólvese ata o 15 de marzo en Compostela. O persoal investigador responsable da súa organización coincide en salientar a importancia deste feito, xa que coa súa chegada á cidade “prodúcese unha volta á orixe”, xa que a Galicia é “o lugar de nacemento da lingua portuguesa”, explican. O galego ten, así, un destacado protagonismo no evento, xa que tamén se atopa presente con numerosos traballos centrados no procesamento automático da lingua propia. PROPOR-2024 achega a Santiago de Compostela unha mostra da comunidade investigadora no eido do procesamento da lingua portuguesa en todo o mundo. Con preto de 150 persoas inscritas (a maioría delas procedentes de Brasil e Portugal), o evento ten lugar na Cidade da Cultura.
Na sesión inaugural, o vicerreitor de Profesorado da USC Ernesto González Seoane trazou un percorrido histórico pola xeración Nós, inspiradora do nome do Proxecto Nós co que se pretende dar pulo á presenza dixital do galego. Na súa intervención, o vicerreitor detívose nesta xeración de intelectuais que abriu o galego ao mundo e a campos antes prohibidos nun diálogo permanente e prioritario con Portugal. De seguido, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, falou da necesidade de continuar a afondar na relación co resto da lusofonía, mentres que a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, salientou a promoción do galego levada a cabo por moitas persoas, grupos e empresas e que axuda a comprender o éxito deste foro, situando Galicia no mapa da IA galega-lusa-brasileira e máis alá. A seguir, o decano de Filoloxía e director da Rede Galabra, Elias J. Feijó, fixo un percorrido histórico da lingua galega dende a Idade Media até os nosos días e por todas as manifestacións culturais, sociais e políticas máis relevantes. Comentou, asemade, a importancia deste reencontro coa familia lingüística natural, a galega-portuguesa-brasileira.
A organización do encontro corre a cargo do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), que coordina todos os detalles do seu desenvolvemento a través do equipo de investigación do Proxecto Nós. O investigador vinculado Pablo Gamallo, presidente do comité organizador, salienta a importancia que ten acoller un congreso destas dimensións na cidade. “É fundamental para o futuro do galego asegurar a súa presenza nos dispositivos de intelixencia artificial e modelos de linguaxe que a xente usa xa habitualmente. O contacto con grupos punteiros portugueses e brasileiros promoverá novas colaboracións que nos permitirán acceder a máis recursos lingüísticos para o galego de alta calidade”, afirmou. Na organización de PROPOR-24 participa tamén o investigador Ramón y Cajal do centro Marcos García, presidente do comité de programa do congreso.
O evento principal conta con 70 comunicacións científicas, que inclúen presentacións orais e pósters, ademais de varios eventos asociados: catro workshops (un deles centrado nunha competición entre sistemas); dous titoriais; unha sesión de demostradores; unha xuntanza industrial; e dúas mesas redondas. PROPOR-2024 conta co apoio da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, Concello de Santiago de Compostela, AMTEGA, CESGA, Imaxin|Software, puntogal e o centro brasileiro C4AI.