Ir o contido principal

Preto dun 20 por cento dos universitarios da USC mercaron o seu ordenador portátil a través do programa Uniporta

Por número de portátiles entregados, a USC ocupa o primeiro posto de entre todas as universidades do Estado con programas similares

Preto dun 20% dos universitarios da USC adquiriron un portátil a través do programa Uniporta que, auspiciado pola Consellaría de Industria, facilita a adquisición deste tipo de ordenadores aos membros da comunidade universitaria a prezos por debaixo do mercado. Con cinco campañas realizadas ata o momento, a institución docente compostelá continúa sendo a primeira universidade galega e española en canto ao número de estudantes que se acolleron a este programa. Deste xeito, a USC leva repartidas dende o seu inicio en 2004 un total de 4.633 unidades das 23.352 entregadas nas universidades de todo o Estado con programas similares. No eido autonómico, a USC entregou o 47% dos equipos concedidos en Galicia a través desta iniciativa que continuará no futuro con novas edicións.
En relación coas solicitudes por sexos, as mulleres, que son maioría na USC, son as máis interesadas en adquirir o portátil ao abeiro de Uniporta superando o 60% das solicitudes presentadas. Asemade, cabe destacar que o grao de coñecemento da campaña para a adquisición de portátiles a través da USC aumentou un 28% dende o seu inicio.
Dende os inicios de Uniporta, o 19,5% dos portátiles entregados foron para alumnos de Ciencias Experimentais, seguidos do 19,4% para os de Humanidades e a mesma porcentaxe para os matriculados na área de Ciencias Xurídicas e Sociais.
Por carreiras, o maior número de equipos solicitáronse entre os alumnos matriculados en Enxeñaría Química. Nesta titulación, máis do 31% dos seus alumnos pediron o ordenador a través da universidade compostelá. Os estudantes de Bioloxía e Xornalismo sitúanse no segundo posto cunha porcentaxe do 29% e os matriculados en Economía e Ciencias Políticas no terceiro co 27%. Non obstante, durante a última campaña executada dende abril ata xuño do 2006, os estudantes de Bioloxía sumaron o maior número de peticións, seguidos dos alumnos de Maxisterio e Economía.
O programa incorpora tres tipos de equipos con distintos niveis de dotación. Máis de 2.392 estudantes da USC solicitaron o modelo con características básicas, 1.547 equipos avanzados e 673 os intermedios. Nas outras universidades galegas tamén se pediron maioritariamente os portátiles de tipo básico seguidos dos avanzados e coincidiron coa institución santiaguesa no predominio da forma de pago ao contado.
Rede sen fíosDada a configuración técnica dos equipos ofertados polo programa Uniporta, os seus propietarios poden acceder á rede sen fíos da USC que, na actualidade, conta con 8.939 usuarios dos cales o 80 %, máis de 7.000, son estudantes. Así, a USC satisface a demanda dunha maior formación nas novas tecnoloxías por parte dos alumnos, segundo recolle a terceira enquisa que sobre o uso das TIC fan os estudantes da USC.
Este informe tamén indica que os universitarios se conectan a internet esporadicamente ou por intervalos de tempo de entre unha ou dúas horas. Nas súas conexións á web, 7 de cada 10 manifestan non empregar Internet para facer compras, e os que si as fan adquiren lotes de viaxe ou turismo e en menor medida libros ou música e software.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.01.2007.