Ir o contido principal

Preto de 200 estudantes de Enxeñaría Química de toda España falan de futuro na USC

Estudantes do ámbito da Enxeñaría Química en España reúnense esta semana en Santiago no marco do XII seu Congreso Nacional, un evento organizado polas asociacións de alumnos que pretende mostrar os avances en campos de investigación, de proceso e analizar aspectos de ámbito profesional.
O encontro dará comezo este xoves 29, ás 19:30 horas, no Salón Nobre de Fonseca nun acto no que participarán o director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), Juan Lema; o director do Departamento de Enxeñaría Química, Gumersindo Feijoo; o presidente do congreso, Diego López Barreiro; e a presidenta do Colexio de Enxeñeiras e Enxeñeiros Químicos de Galicia, Almudena Hospido.
Os seguintes dous días, 30 e 31 de outubro, continuará o encontro no Salón de actos da ETSE coa intervención de expertos de universidades e empresas que abordarán diferentes cuestións relacionadas coa seguridade, medio ambiente, as enerxías, os materiais e o control de procesos.
Trátase de axudar á adaptación dos profesionais ao panorama laboral actual e servir de foro para a comunicación entre empresas, universidades, estudantes e expertos favorecendo a unión de ciencia, enxeñaría, cultura e relacións humanas dentro do campo da Enxeñaría Química.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.10.2009.