Ir o contido principal

Preto de 300 investigadores asistirán ao V Congreso Nacional e II Congreso Ibérico Agroenxeñaría 2009

Javier Bueno durante a presentación do congreso, acompañado de varios membros do comité organizador
Javier Bueno durante a presentación do congreso, acompañado de varios membros do comité organizador
Celebrarase do 28 ao 30 de setembro na EPS de Lugo

O V Congreso Nacional e II Congreso Ibérico de AgroEnxeñaría que terá lugar entre os días 28 e 30 de setembro na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo espera acoller preto de 300 asistentes. No evento, presentado este mércores en rolda de prensa polo director da EPS, Javier Bueno, participarán como conferenciantes destacados investigadores no campo da Agroenxeñaría como Fedro Zazueta, da Universidade de Florida; Hans Griepentrog, da Universidade de Copenhague, Keith Crews, da Tecnolóxica de Sidney; e Demetres Briassoulis, da Universidade Agrícola de Atenas.
Bueno adiantou ademais as diferentes áreas temáticas que se tratarán ao longo destes días. Haberá un apartado dedicado á construción, na que se achegarán os últimos coñecementos sobre estruturas e elementos de edificación na agroindustria e en infraestruturas rurais. No apartado de enerxía, falarase de electrificación e de enerxías renovables.
No congreso tamén se analizarán os equipos de tracción e manexo da maquinaria de cultivo e aproveitamentos forestais, así como dos materiais para regar e xestionar a auga. Haberá, así mesmo, un apartado dedicado ás tecnoloxías nas que se falará sobre estruturas de invernadoiros, os equipamentos de produción animal ou os procesos industriais tras a colleita.
Este congreso está organizado polo departamento de Enxeñaría Agroforestal e a Escola Politécnica Superior de Lugo, en colaboración coa Sección Especializada de Enxeñaría Rural da Sociedade de Ciencias Agrarias de Portugal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.09.2009.