Ir o contido principal

Preto de 300 persoas traballan en investigación na EPS, cun investimento anual de tres millóns de euros

A xornada deu comezo cun resumo da actividade investigadora na EPS
A xornada deu comezo cun resumo da actividade investigadora na EPS
Os datos foron ofrecidos durante a xornada de divulgación das liñas de investigación da Escola

O vicerreitor adxunto de Investigación e Promoción Exterior, Agustín Merino, e o director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno, salientaron hoxe na xornada INVEPS 2007 que a EPS do campus de Lugo é un dos centros máis destacados da USC en captación de recursos de I+D+i. De feito, en 2006 foron investidos en actividades de investigación máis de tres millóns de euros, dos oito cos que conta todo o Campus. Esta cantidade supón un incremento importante dende 2000, cando o investimento foi de 1.900.000 euros.
Os dous presidiron a inauguración da xornada de divulgación das liñas de traballo dos grupos de investigación da EPS luguesa, que se celebra por primeira vez neste centro. A súa finalidade é dar a coñecer aos estudantes as liñas actuais e os distintos grupos existentes, como alternativa de futuro e tamén ofrecer aos lucenses unha visión xenérica do traballo que se realiza no Campus de Lugo en materia investigadora.
Durante a súa exposición inicial o vicerreitor destacou que actualmente o número de investigadores da EPS é de 194, ademais doutros 90 en período de formación e 20 alumnos que colaboran na investigación a través dos seus proxectos de fin de carreira. A maior parte dos investigadores da EPS pertencen á área de Ensino técnico e ciencias experimentais, aínda que tamén hai profesores de Sociais. De feito, as tres áreas principais de investigación son medio ambiente, produción agraria e tecnoloxía dos alimentos. Para establecer unha comparativa, explicou que en toda a USC o número de persoas dedicadas á investigación é de 1.500 máis outros 1.000 en formación.
Agustín Merino destacou que a capacidade dos lugueses para captar actividades de investigación e xeración de publicacións científicas é comparable á de Santiago, “polo que a EPS contribúe a que a USC se atope en sexto lugar no ránking de actividade científica das universidades do Estado”.
Engadiu tamén que na EPS se defenderon un total de 65 teses de doutoramento dende 2000, investigadores que agora están en empresas (en especial relacionadas coas enerxías renovables), dando clase noutras universidades ou continuando a investigación no estranxeiro. Un grupo importante optou pola xeración de empresas de base tecnolóxica, no que está a colaborar activamente o campus de Lugo. Dende ese mesmo ano, participaron tamén en 670 actividades que inclúen proxectos europeos, nacionais e convenios coas administracións e coas empresas.
Na xornada interviñeron un total de 14 grupos de traballo dos distintos departamentos da EPS. Cada un deles tivo dez minutos para resumir o seu traballo. Na Escola, as grandes liñas de investigación están relacionadas co medio agroforestal, tratándose temas sobre construción, mecanización, produción, protección e conservación, así como aspectos económicos e sociais.
A investigación no campus lugués está reforzada actualmente polo CITT, que na actualidade conta con catro peroas, o reforzo da RIAIDT. Hoxe en día contan coa súa propia sede no edificio CACTUS.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.11.2007.