Preto de 500 escolares de Lugo visitaron esta semana as instalacións da Aula de Produtos Lácteos da USC

Preto de 500 escolares de Lugo, pertencentes a oito centros de ensino, visitaron esta semana a Aula de Produtos Lácteos da USC e participaron en diferentes obradoiros. Na visita de hoxe, o vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Agustín Merino, e o director da APL, Juan Méndez, acompañaron aos escolares nun percorrido polas instalacións.
Estas xornadas divulgativas, enmarcadas dentro do programa da Semana da Ciencia, rematarán o venres 21. As actividades programadas, charlas, degustacións e visitas a plantas, están dirixidas a escolares de entre dez e doce anos de centros de ensino de Lugo. Fáiselles unha visita guiada aos laboratorios e á planta piloto da Aula de Produtos Lácteos, na que os nenos poden ver de preto as diferentes tecnoloxías empregadas na elaboración de produtos lácteos e participar en diferentes actividades.
Entre as actividades para os rapaces está un obradoiro de recepción e pretratamentos, onde se leva a cabo a recepción do leite cru e a súa preparación para fabricar diferentes produtos (tratamento térmico, desnatado, estandarización da MG e proteína, e nalgunhas fabricacións coma, por exemplo, de sobremesas lácteas, incorporación de aditivos e ingredientes). Nesta sala explícaselles o funcionamento dos equipos. Ademais, preséntaselles aos escolares as actividades investigadoras desenvolvidas na Aula de Produtos Lácteos, especialmente nos desenvolvementos que actualmente se atopan no mercado.
Tamén se lles conta brevemente o diagrama de fluxo que segue calquera traballo de I+D+I, dende a formulación da idea ata a posta en práctica dos resultados obtidos. A visita remata cunha degustación de produtos lácteos para salientar as características máis importantes de cada un deles.
O principal obxectivo das actividades que se organizan para a Semana da Ciencia, que leva xa oito edicións, é involucrar á cidadanía na ciencia e na tecnoloxía. As xornadas están promovidas pola Consellería de Innovación e Industria, dentro das accións de comunicación e divulgación científica e tecnolóxica, ‘Diverciencia’, do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (INCITE).