Preto de medio cento de estudantes de doutoramento recolleron os premios extraordinarios do curso 2020/2021

O acto de entrega dos premios extraordinarios de doutoramento correspondentes ao curso 2020/2021 serviu de colofón á décima edición do Encontro da Mocidade Investigadora (EMI) que se desenvolveu do luns 12 ao martes 13 de xuño na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e na que se premiou o esforzo de preto de medio cento de estudantes. O reitor Antonio López presidiu o acto de entrega.
Favorecer as dinámicas de colaboración, debate e difusión do coñecemento xerado entre o estudantado de doutoramento é a meta que perseguiu este foro que contou con máis de 200 persoas inscritas. O EMI estivo organizado por investigadoras e investigadores procedentes da USC, a UVigo e a UDC e abriuse a todo o estudantado de doutoramento destas universidades. O único requisito para participar neste encontro era estar matriculado ou matriculada en calquera programa de doutoramento dalgunha das universidade do Sistema Universitario Galego (SUG). Os e as participantes tiveron a oportunidade, ao longo destas dúas xornadas, de asistir e facer as súas contribucións a este evento, que ofreceu sesións de relatorios, posters e mesas redondas.
En definitiva, este encontro constitúe “un marco incomparable para favorecer as relacións entre membros da comunidade universitaria, apostando pola colaboración inter e multidisciplinar entre áreas de coñecemento”, explicaron dende a organización.