Ir o contido principal

Preto dun cento de mozos e mozas recolleron os diplomas do Bacharelato de Excelencia STEMBach 2022

O reitor entregou os diplomas a case un cento de mozos e mozas. FOTO: Santi Alvite
O reitor entregou os diplomas a case un cento de mozos e mozas. FOTO: Santi Alvite
Os e as participantes desenvolveron un proxecto de investigación baixo a co-dirección de profesorado da USC
Lugo, Santiago de Compostela

A entrega de diplomas a case un cento de alumnas e alumnos que participaron no Bacharelato de Excelencia STEMBach 2022 serviu este venres 10, na Facultade de Filoloxía, de colofón a esta experiencia que promove a vocación do alumnado cara a investigación científica e tecnolóxica e permite unha conexión directa co ensino universitario. O acto estivo presidido polo reitor Antonio López.

O STEMbach ten unha duración de dous cursos académicos e pode incorporarse a el o alumnado de calquera das modalidades de Bacharelato. Os e as participantes desenvolven un proxecto de investigación, no segundo curso do Bacharelato, relacionado con calquera ámbito de coñecemento das materias cursadas na etapa, que é co-dirixido por un docente pertencente a un departamento universitario ou entidade de investigación de Galicia e do que o alumno/a realiza unha defensa en sesión pública. “O proxecto de investigación é unha ferramenta de aprendizaxe útil para que o alumnado se inicie nas actividades de investigar, escribir e expoñer oralmente”, explica Celso Rodríguez, coordinador do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC.

O principio metodolóxico do bacharelato STEMbach é fomentar o pensamento científico e o enfoque práctico de indagación e resolución de problemas, a través da realización dun proxecto de investigación. Deste xeito, o alumnado integrará como parte do seu desenvolvemento formativo competencias que lles permitirán elaborar, expoñer e argumentar de forma razoada estes traballos resultado dunha metodoloxía científica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.06.2022.