Ir o contido principal

Preto dun cento de participantes dunha vintena de países danse cita na USC para abordar os segredos da Vía Láctea

A profesora Ling no Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC
A profesora Ling no Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC
A profesora Josefina F. Ling coordina o comité organizador deste foro que se desenvolverá na Facultade de Óptica e Optometría entre o 23 e o 25 de maio e que servirá de marco para debater os progresos do proxecto MW-Gaia COST que proporciona “unha mellor comprensión da nosa galaxia”
Santiago de Compostela

Do 23 ao 25 de maio, astrónomos e astrónomas de máis de 20 países do mundo danse cita na USC para debater os progresos alcanzados no marco do proxecto MW-Gaia COST. O obxectivo principal desta iniciativa é “proporcionar unha mellor comprensión da nosa galaxia, as súas estrelas e planetas, e mellorar o potencial da comunidade na súa explotación científica”, sinala a profesora da USC Josefina F. Ling. Gaia é unha sonda espacial lanzada pola Axencia Espacial Europea (ESA) no ano 2013 e que está realizando un censo de aproximadamente mil millóns de estrelas da Vía Láctea.

Entre os resultados máis destacados obtidos ata a data a través de Gaia atópase a confirmación de varios episodios de “canibalismo galáctico” na historia desta galaxia, que absorbeu, parcial ou totalmente, estrelas, gas e po doutras galaxias próximas; ou a constatación de que existen tanto estrelas que escapan da atracción gravitatoria da Vía Láctea, como estrelas de galaxias próximas que son irremediablemente atraídas pola nosa. “As observacións de Gaia permiten calcular de modo directo a distancia á que se atopan as súas estrelas e polo tanto precisar cun detalle espectacular a enerxía que emiten, o que nos permite comprobar as teorías sobre evolución estelar que sustentaron o noso coñecemento do Cosmos ata a data”, engade a profesora Ling.
 

Cartel do evento
Cartel do evento

Este encontro, que se celebrará nunha modalidade híbrida —con participantes presenciais e en liña—, está organizado polo Observatorio Astronómico Ramon Maria Aller da USC no marco do Grupo de Traballo 5 (WG5) do devandito MW-Proxecto Gaia COST. A xuntanza desenvolverase na Facultade de Óptica e Optometría baixo o lema ‘Rompendo barreiras: inspirando á próxima xeración’ e albergará a máis de 80 participantes. O director do proxecto, Nicholas Walton, recoñecido astrofísico do Instituto de Astronomía da Universidade de Cambridge estará presente de xeito virtual. O comité científico está coordinado por Šarūnas Mikolaitis da Universidade de Vilnius e o comité organizador, por Josefina F. Ling da USC.

Programa

Entre os relatores atópanse recoñecidas figuras deste eido científico como é o caso de Despina Hatzidimitriou da Universidade de Atenas, Stefan Jordan do Centro de Astronomía da Universidade de Heidelberg, Jacky Faherty do Museo Americano de Historia Natural de Nova York ou Luis Aguilar do Instituto de Astronomía da Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM). O martes 24, ás 18.30 horas, terá lugar unha conferencia pública a cargo de Carme Jordi, profesora da Universidade de Barcelona, e membro do Instituto de Ciencias do Cosmos (ICC-UB) e do Instituto de Estudios Espaciais de Catalunya (IEEC), dirixida a todas aquelas persoas que queiran coñecer máis sobre Gaia e os segredos da Vía Láctea. Igualmente, os asistentes poderán gozar da exposición AstrónomAs que estará situada no vestíbulo do centro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.05.2022.