Preto de dous mil estudantes de secundaria de toda Galicia coñecen a USC
A residencia Burgo das Nacións foi o punto de encontro dos primeiros escolares que ao longo desta semana visitarán o Campus de Compostela. A USC prevé recibir a preto de 2.000 estudantes de 35 centros de ensino secundario de toda Galicia, dentro dos ‘Encontros na zona USC’, que se trasladarán a Lugo a semana seguinte. Con esta iniciativa, o programa ‘A Ponte’ da USC pretende achegar o estudantado de Ensino Medio aos estudos universitarios nos que están máis interesados mostrándolle as materias coas que se van atopar así como as posibles saídas profesionais das mesmas. Poderán tamén asistir a unha clase cos alumnos de primeiro curso e nalgúns casos visitaran laboratorios de clases prácticas. Os catorce percorridos serán os días 7, 8 e 9, con saídas ás 10.30 horas en función da visita desexada. Así, da residencia universitaria Burgo das Nacións sairán os estudantes interesados en coñecer Filoloxía e Ciencias da Comunicación; ou Ciencias Económicas e Empresariais, ou Ciencias da Educación (Mestres) e Escola de Traballo Social; ou Enfermaría, Medicina e Odontoloxía ou Xeografía e Historia e Filosofía. As visitas a centros de Campus Vida partirán á mesma hora da residencia Monte da Condesa. Nese campus terán que escoller entre nove percorridos: Dereito, Relacións Laborais e Ciencias Políticas e Sociais; Química e Física; Química e Enxeñaría Química; Farmacia e Bioloxía; Matemáticas e Enxeñaría Informática; Matemáticas e Física; Física e Enxeñaría Informática; Óptica e Optometría; e Psicoloxía e Ciencias da Educación.