Preto de douscentos traballos aspiran a ser finalistas no III Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo
O programa da terceira edición do Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo (FICCVelo) comezou este xoves na Facultade de Ciencias da Comunicación coa presentación e proxección do documental ‘Cesteando’ a cargo do seu director Plácido Romero e do protagonista Toño de Val. A cinta ofrece unha poética e orixinal reflexión contemporánea sobre a liberdade persoal no mundo rural galego a través da historia de vida do seu protagonista, un cesteiro que vive en Lobeira, na Serra de Laboreiro. Con anterioridade a esta estrea, o vicerreitor de Comunicación e Coordinación, Xosé Pereira, o decano da Facultade, Xosé R. Pousa, así como representantes das diversas entidades colaboradoras presentaron o programa do certame.
Entre o 14 e o 16 de decembro na propia Facultade compostelá, este Festival Internacional presentará ao público unha retrospectiva inédita arredor dos fondos do arquivo da Mediateca do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e a proxección dos dez traballos finalistas seleccionados entre as obras documentais e de ficción recibidos a concurso. A cada unha destas proxección precederaa unha serie de mesas redondas sobre o rural de Galicia e a súa relación coa produción audiovisual. O FICCVelo acollerá ademais o estreo dunha obra de produción propia sobre Carlos Velo en México así como debates sobre a necesidade de recuperar e manter viva a memoria material e inmaterial dos pobos do mundo.
Nesta edición, o certame recibiu preto de 200 obras procedentes de España, Uganda, Italia, Arxentina, Luxemburgo, Venezuela, Reino Unido, Rusia, Noruega, Colombia, Francia, Brasil, Serbia, Suíza, Xeorxia, así como de Galicia, entre outros. Do total, unicamente 70 superaron a primeira fase de selección, un proceso que involucra a alumnado da USC en colaboración coa Comisión de Selección para recoller as dez obras finalistas sobre as que posteriormente deliberará o xurado e cuxo ditame darase a coñecer o 16 de decembro na Cerimonia de entrega de premios e clausura do festival.