A primavera comeza no mediodía deste venres
Ao mediodía do próximo venres 20, concretamente ás 12:44 horas, dará comezo a primavera no hemisferio boreal, que se prolongará durante 92,75 días ata as 7:46 do 21 de xuño, cando chegue a estación estival. O inicio da primavera está astronomicamente fixado polo paso do Sol polo chamado punto Vernal ou Equinoccio de Marzo, un dos puntos de corte da órbita terrestre (a Eclíptica) co Ecuador Celeste.
O venres 20 a duración do día e da noite será idéntica, e a partir de aí os días irán crecendo ata o solsticio de xuño alcanzando entón na nosa latitude as 15 horas de duración. Tamén o venres o Sol sairá exactamente polo este e porase polo oeste, pero segundo vaian pasando os días irao facendo cada vez máis cara ao norte ata chegar ao 21 de xuño que iniciará o camiño inverso.
Cambio horario e festas cristiásComo en anos anteriores, o cambio de hora oficial terá lugar o último domingo de marzo, o día 29, no que ás 2:00 os reloxos adiantaranse unha hora de acordo coa normativa da UE.
Por outra banda, e segundo indica o director do Observatorio Astronómico ‘Ramón María Aller’ da USC, José Ángel Docobo, “relacionada coa primavera atopamos a secuencia de festas cristiás de xeito que o Domingo de Pascua é o domingo seguinte á primeira lúa chea da Primavera”, que este ano terá lugar o 9 de abril ás 16:56 horas.
Planetas visiblesNa estación que agora comeza non haberá ningún eclipse pero si daranse condicións óptimas para observar os planetas. Así, Venus pasará de luceiro vespertino a poder verse antes da saída do Sol; Marte e Xúpiter serán tamén visibles ao amencer, mentres que Saturno se poderá observar practicamente todas as noites.
Curiosamente este ano, no que se conmemora o Ano Internacional da Astronomía, a Terra pasará en setembro polo plano dos aneis de Saturno de maneira que estes, que aínda se ven agora, deixarán de ser visibles pouco a pouco perdendo temporalmente este planeta o seu rasgo máis característico. A finais de abril Mercurio poderá contemplarse en boas condicións ao Oeste, despois da posta do Sol, mentres que a mediados de xuño acontecerá o mesmo pero cara ao Este, ao amencer.
Xa entre as choivas de estrelas máis destacadas estarán as Líridas (co máximo o 22 de abril) e as Eta-acuáridas (6 de maio).