A primavera comezará este mércores ás 12.02 horas
A primavera comezará este mércores 20 ás 12.02 horas no hemisferio norte. Nese momento o sol, no seu movemento aparente sobre a eclíptica, pasará sobre Aries, un dos puntos de intersección do ecuador celeste coa eclíptica. A primavera estenderase ao longo de 92 días e 18 horas, sendo a estación de maior duración despois do verán (con 93 días e 15 días), como explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José A. Docobo. Este mércores 20 o sol sairá exactamente polo este e porase polo oeste, marcando o momento a partir do cal a declinación do sol (a súa elevación sobre o ecuador celeste) irá aumentando ata acadar o seu valor máximo, de 23º26’, no solsticio de xuño (o día 21 ás 07.04 horas) momento no que comezará o verán. Entre os fenómenos astronómicos máis salientables da estación, o 25 de abril producirase un eclipse parcial de lúa visible dende España no solpor e á primeira hora da noite, aínda que a súa magnitude será moi pequena, como explican dende o Observatorio Astronómico da USC. O seu momento máximo será ás 22.07 horas, cando se oculte o 1,5% da superficie luar. O seguinte fenómeno será o día 10 de maio, data na que se producirá un eclipse anular de sol non visible dende España. Ese mesmo mes, o día 25, está prevista unha eclipse de lúa que pasará practicamente desapercibida ao ser penumbral e de moi baixa magnitude. Chuvias de estrelas As chuvias de estrelas máis importantes desta primavera serán as Líridas e as h-Acuaridas, aínda que será difícil observalas, segundo sinala Docobo. As primeiras terán o seu máximo o día 22 de abril, moi preto da Lúa chea (o día 25), o que dificultará a súa observación. As segundas, co seu máximo o 6 de maio, observaranse mellor dende latitudes próximas ao ecuador e do hemisferio Sur. Non obstante, poden chegar a verse algúns meteoros desta chuvia dende España. Planeta visibles O comezo desta estación será propicio para observar o planeta Mercurio, sempre difícil de ver pola súa proximidade ao sol. O día 31 de marzo, este planeta estará en máxima elongación con respecto ao sol, cunha separación angular de 27º.83, polo que será visible en torno a esa data cara o este antes do amencer. O día 12 de xuño volverá a estar nunhas condicións favorables para a súa observación no solpor mirando cara o oeste. A medida que a estación avance, Venus comezará a verse durante o solpor. Ademais, Xúpiter será visible na primeira parte da noite, durante menos tempo a medida que avance a primavera, e Saturno estará visible case toda a noite. Comezará véndose despois da medianoite en marzo e sairá cada vez máis cedo nesta estación. Inverno chuvioso O inverno que está a piques de rematar foi unha estación moi chuvioso, con 698,9 litros/m 2 recollidos en 70 días de chuvia na estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller. En decembro, dende o comezo do inverno o día 21, medíronse 70,5 litros/m 2 en dez días; 329,3 litros en xaneiro durante 24 xornadas; 127,6 litros en febreiro nos 22 días que choveu e 171,5 litros en 14 días de marzo. Os días de maior precipitación foron o 18 de xaneiro, no que caeron 79 l/m 2, o 17 de xaneiro con 32,5 litros, o 9 de marzo con 33,1 litros e o 11 de marzo con 30,5 litros. O día 12 de marzo pola noite a precipitación produciuse en forma de neve. Segundos os mesmos datos do Observatorio da USC, as temperaturas foron suaves, cunha máxima de 19º na xornada do 15 de febreiro e unha mínima de -0º2 o 15 de marzo.