Ir o contido principal

A primeira entrega de ‘Falamos con...’ achégase á traxectoria de José Ángel Docobo

José Ángel Docobo é director do Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller da USC. FOTO: Santi Alvite
José Ángel Docobo é director do Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller da USC. FOTO: Santi Alvite
Esta miniserie documental dispoñible en USC TV e dedicada a persoas que contribúen ao avance e modernización da Universidade, céntrase no director do Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller
Santiago de Compostela

O Servizo de Medios Audiovisuais (SERVIMAV) da USC pretende poñer en valor a traxectoria de persoas que pola súa implicación docente, investigadora ou de xestión contribuíron ao avance e modernización da institución universitaria. Baixo esta premisa, a miniserie documental ‘Falamos con…’ traza no seu primeiro episodio, un retrato poliédrico da traxectoria vital e humana de José Ángel Docobo,  director do Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller da USC.                                              

A primeira entrega desta serie constitúe “unha viaxe entrañable ás súas raíces, á orixe familiar, á infancia e escolarización, aos anos de mocidade e contexto da súa formación superior, á súa dedicación á Universidade e ao recoñecemento social”, tal e como explica a responsable do SERVIMAV, Olga Fontán. A elección deste catedrático do Departamento de Matemática Aplicada da USC, débese a que “a súa traxectoria docente e investigadora converteuno nunha figura relevante no ámbito da Astronomía a nivel mundial. Coa súa achega, o Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller cobrou vida”, continúa Fontán.

A banda sonora da serie, Hipotálamus, é una composición orixinal dos músicos Nuria Gómez Otero e David González Lorenzo, interpretada por eles mesmos. Este primeiro capítulo, conclúe Fontán, abre a porta a novas persoas que formen parte do universo humano “que é esencial” no mundo universitario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.01.2021.