Ir o contido principal

A primeira promoción do máster oficial en Enxeñaría Matemática celebra este venres a súa graduación

A primeira promoción do máster oficial en Enxeñaría Matemática (06-08) celebrará este venres 18 o seu acto de graduación nunha sesión que se vai desenvolver a partir das 12:30 horas no Salón de Graos da Facultade de Matemáticas presidida polo vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló.
Neste acto intervirán ademais, o decano da Facultade de Matemáticas; Juan Viaño; o coordinador xeral do posgrao, o profesor Alfredo Bermúdez de Castro; a adxunta á vicerreitoría de Organización Académica e Titulacións da Coruña, Mª Dolores Candedo; e a directora do posgrao na Universidade de Vigo, a profesor Elena Alonso.
A orientación principal do Máster é a profesional, ofrecendo formación avanzada no eido da simulación numérica orientada á I+D+i. Con esta vocación, durante o último dos tres semestres cada alumno debía realizar un proxecto que na meirande parte dos casos estaba intimamente relacionado a problemas xurdidos no ámbito industrial. Ademais, logo da etapa formativa, os alumnos comezarán agora un período de prácticas en empresas onde poderán desenvolver os seus respectivos proxectos.
O de Enxeñaría Matemática é un máster oficial incluído dentro do programa oficial de posgrao en Métodos Matemáticos e Simulación Numérica en Enxeñaría e Ciencias Aplicadas. Tanto o programa como o máster están organizados conxuntamente polas tres universidades galegas baixo a coordinación da de Santiago. Os alumnos que o desexen poderán continuar os seus estudos na etapa de doutoramento incluído nos mesmo programa oficial e que conta coa Mención de Calidade do Ministerio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.07.2008.