A primeira rota de sendeirismo organizada pola USC para xaneiro será o día 17 polo Concello de Brión
Os universitarios afeccionados ao sendeirismo así como o público xeral terán o sábado 17 de xaneiro a oportunidade de practicar esta disciplina deportiva cunha rota polo Brión cultural organizada pola Área de Deportes da USC.
O traxecto previsto desenvolverase polo territorio con restos da cultura máis antiga, como o campo de mámoas de Raña Longa, o xacemento arqueolóxico de Santa Cecía ou os castros Lupario, de Lamiño, Boullón, Forxán, Pousada, Vioxo e Ons; así como o hipocaustum de Cirro e a calzada romana ‘per loca marítima’, que atravesaba Luaña, Viceso e Ons ata pasar o río Tambre cara Grandomirum (Brandomil) pola ponte Pías, relacionada coa lenda xacobea da traslación do corpo do Apóstolo.
Cunha lonxitude de 18 quilómetros e uns graos de desnivel baixo e dificultade media, a rota partirá ás 10:00 horas da Piscina Universitaria (Campus Sur) e retornará ás 17:30 horas aproximadamente.
Ribeira do UllaTamén está prevista a celebración doutra rota o sábado 31 de xaneiro, que transcorrerá pola ribeira do Ulla, cunha lonxitude de 19 quilómetros aproximadamente e uns graos de desnivel e dificultade medios. Será un percorrido pola marxe dereita do río ao longo do concello de Touro, até a fervenza do Inferniño, os Muiños de Quintas e os antigos ouriceiros, para descubrir preto do camiño, o pazo de San Cristovo. Para esta xornada, a inscrición poderá formalizarse ata o día 28 de xaneiro.
Para acadar máis información sobre esta proposta, as persoas interesadas poden dirixirse á Oficina da Área de Deportes da USC, na Piscina Universitaria ou nas extensións (981.56.31.00) 15070, 15071, 15072, 15073 ou 15076, así como no correo electrónico deporsec [at] usc.es (deporsec[at]usc[dot]es).