Ir o contido principal

A primeira tese do programa Erasmus Mundus defendida en Ciencias da Comunicación avalía a utilización en Filipinas das TIC aplicadas á docencia

A primeira tese do programa Erasmus Mundus defendida en Ciencias da Comunicación avalía a utilización en Filipinas das TIC aplicadas á docencia
A primeira tese do programa Erasmus Mundus defendida en Ciencias da Comunicación avalía a utilización en Filipinas das TIC aplicadas á docencia

Hector John Tumaneng Manaligod é o primeiro doutor de orixe filipino que defende a súa tese de doutoramento na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, ademais de ser a primeira do programa Erasmus Mundos deste centro. A investigación, á que o tribunal lle outorgou a cualificación de Apto cum laude, levaba por título ‘Integration of Information & Communication Technology in public secondary schools in Metro-Manila, Philippines’. O xurado integrárono Rosario de Mateo, como presidenta, Juan Manuel Corbacho, Jesús Rodríguez, Carmen Costa e José Pereira como secretario. Cunha metodoloxía cualitativa e cuantitativa, o obxectivo do estudo era examinar a integración das TIC nas escolas de educación secundaria pública en Metro Manila (Filipinas). Os parámetros utilizados atenderon á dispoñibilidade dos recursos, nivel de habilidade, medida de uso ou problemas, percepcións e obxectivos. A mostra incluíu 431 docentes, máis dun milleiro de estudantes e preto dunha vintena de directores das divisións escolares en Metro Manila. Hector John Tumaneng avoga porque as TIC sexan unha ferramenta de transformación no proceso de ensino e aprendizaxe, para o que sería necesario “un plan estratéxico claro” incluíndo accións concretas, a medición continua e a avaliación, así como un liderado forte. Neste contexto, o traballo destaca tamén a necesaria asociación dos ámbitos público e privado tendo en conta os limitados recursos do goberno. Principales Resultados Na realidade debuxada por Hector John Tumaneng Manaligod a falta de hardware segue sendo o problema máis apremiante e persistente. En relación coa poboación estudantil, a proporción de estudantes por equipo “é desalentadoramente baixa, cunha proporción de 1:63”, limitándose o acceso ás computadoras para temas de educación de equipo. Ademais, engade o investigador, case a metade das escolas non teñen mantemento de equipo por cuestións de orzamento.

Mentres que o 88 por cento das escolas teñen conexións a internet, a metade dos estudantes consultados afirman que non usala. Tamén case a metade dos mestres nunca asistiron a cursos de capacitación relacionados coas TIC. O adestramento realizado foi, en termos xerais, sobre alfabetización informática como operacións básicas, procesamento de textos ou follas de cálculo. A maioría dos docentes non utilizan as TIC na aula, reservándoas para a xestión e a preparación e administración da clase.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.07.2012.