A primeira xuntanza participativa do proxecto CAPRIF-CC en Barbanza-Ulla-Sar reuniu máis de 25 persoas e entidades relacionadas coa xestión multifuncional do monte
A pasada semana tivo lugar en Rianxo a primeira sesión do ‘Living Lab’ para o ámbito territorial Barbanza-Ulla-Sar que, no marco do proxecto CAPRIF-CC (Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático) reuniu representantes das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común dos concellos de Dodro, Lousame, Padrón, Porto do Son e Rianxo, así como a técnicos forestais, responsables do proxecto e persoas e organizacións que pola súa traxectoria e perfil achegaron perspectivas e ideas para favorecer a innovación a xestión sostible do monte. A sesión estivo organizada pola Fundación Juana de Vega e nela participou tamén a Fundación Montescola.
Os ‘Living Labs’ son obradoiros participativos que se centran en facilitar o deseño dun modelo de xestión multifuncional para os propietarios forestais e para as Comunidades de Montes, reunindo persoas e entidades que poden achegar perspectivas diversas e de grande interese desde a súa traxectoria e coñecemento, de cara a intercambiar perspectivas que favorezan a creatividade, a innovación e a viabilidade do sector forestal.
A de Rianxo foi a primeira sesión de traballo das tres previstas ao longo do proxecto en cada un dos cinco ‘Living-Lab’ nos que traballa o proxecto en Galicia e en Asturias. Neste primeiro obradoiro as persoas asistentes compartiron unha visión do escenario de partida, así como os retos a abordar e as potencialidades de cada monte. Nos meses de setembro e novembro levaranse a cabo dúas sesións máis, centradas na innovación, para identificar liñas de actuación e deseñar as actuacións que se desenvolverán no marco do proxecto ata finais de 2025. Son voluntariado ambiental, certificación forestal, xornadas formativas e un programa de apoio ás ideas emprendedoras que xurdan no proceso.
O proxecto
O proxecto CAPRIF-CC ten o obxectivo de impulsar e apoiar a creación de iniciativas innovadoras de xestión multifuncional do monte con comunidades rurais, en ámbitos de alto valor natural ou áreas queimadas de Galicia e Asturias, para aumentar a súa resiliencia ante os incendios forestais e o cambio climático, demostrando a compatibilidade coa xeración de economía e emprego local. Con este fin, en Galicia o proxecto céntrase na figura das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común e dos Montes de Varas. En concreto, no ámbito de Barbanza-Ulla-Sar, son nove os participantes: CMVMC de Balouta de Fontecoba e de Cruz de Avelán (Dodro), CMVMC de Froxán (Lousame), CMVMC de Lapido (Padrón), CMVMC de Baroña (Porto do Son), CMVMC de Leiro, do Araño, do Fieitoso de Taragoña, e de Ferreira e Campelo (en Rianxo).
Xunto coa Fundación Juana de Vega, o consorcio de CAPRIF-CC está integrado pola Fundación Montescola (Lousame), a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia - Norte de Portugal (CEER), a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), e CETEMAS (Centro Tecnológico y Forestal de la Madera), con sede en Siero (Asturias).
O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea- Next Generation UE.