Ir o contido principal

O primeiro concurso de vídeos da Cátedra Vida Saudable xa ten gañadores

Captura de Instagram con algúns dos vídeos do concurso
Captura de Instagram con algúns dos vídeos do concurso
A iniciativa premia pezas audiovisuais breves de pratos culinarios coa condición principal de que cumpran coas recomendacións dietéticas saudables

Unha crema de chícharos, unha pescada con garabanzos e un biscoito de café, cacao e pera conforman o menú gañador do I Premio de vídeos TikTok, Instagram ou Youtube da Cátedra Institucional Vida Saudable.

O xurado do premio reuniuse este martes na facultade de Medicina para decidir os galardóns dunha orixinal convocatoria na que as persoas participantes debían realizar un vídeo curto en calquera das tres redes mencionadas explicando a receita dun prato coa condición de que este cumprise coas recomendacións dietéticas saudables.

Así, na categoría de mellor primeiro prato saudable a gañadora foi Irene Rey Caamaño pola crema de chícharos, quedando en segundo lugar Teresa Villamor co prato Groenteaart. Raquel Alfonso Rodríguez fíxose co premio no mellor segundo prato pola pescada con garabanzos, mentres que o segundo posto foi para Lara Pais Ramiro por unha ensalada de couscous con laranxa. Finalmente, o mellor vídeo de sobremesa foi para o biscoito de café, cacao e pera de Daniel Souto Pazo e o segundo posto para as galletas de avea de Paulo López Muñoz. Cada un e cada unha delas recibirán un premio de 200 e 150 euros, respectivamente.

O certame
O Premio dirixíase a todo o estudantado que estea matriculado en calquera titulación de grao, mestrado universitario ou doutoramento das tres universidades públicas galegas, que debía presentar un vídeo da elaboración dun prato saudable, ben sexa un primeiro, un segundo ou unha sobremesa e publicalo en, polo menos, unha das seguintes plataformas: TikTok, Instagram ou Youtube (vídeo tradicional ou modalidade Youtube Shorts) co cancelo #catedravidasaudableUSC.

Con este certame, preténdese fomentar a difusión, o coñecemento e a práctica dun estilo de vida saudable, cumprindo deste xeito cos fins para os que foi creada a Cátedra Institucional de Vida Saudable da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.04.2024.