Ir o contido principal

O primeiro curso de microbioloxía de acceso aberto en Twitter alcanzou máis de 47 millóns de impresións

Captura do perfil de TW da Sociedade Española de Microbioloxía
Captura do perfil de TW da Sociedade Española de Microbioloxía
Coa participación da USC, #EUROmicroMOOC foi a primeira experiencia deste tipo e nesta especialidade a nivel mundial

A USC foi, xunto coas Universidades de Oxford ou Stanford, unha das dezaoito institucións científicas e académicas que participaron no primeiro curso mundial de microbioloxía de acceso aberto en liña a través de Twitter, unha iniciativa organizada polo grupo de Ensino e Difusión da Microbioloxía da Sociedade Española de Microbioloxía (SEM) coa colaboración da Federación de Sociedades Microbiolóxicas Europeas (FEMS).

Ao longo de sete semanas de outubro e novembro e con clases programadas de antemán, un total de 21 microbiólogos de distintas universidades e centros de investigación localizados en Europa, Estados Unidos e Corea do Sur impartiron conferencias en forma de chíos. En concreto, da Universidade de Santiago participou o profesor da USC Jesús L. Romalde, que falou sobre patoxenicidade e virulencia bacteriana.

En total, 3.041.388 usuarios únicos publicaron no curso e houbo 47.295.396 impresións (veces que os usuarios viron publicacións con #EUROmicroMOOC). Ademais, o número de seguidores da conta de @SEMicrobiologia Twitter aumentou en 1.143 despois das sete semanas. En canto ao seguimento, repartiuse por todo o mundo: o 64,5% de España, o 13,9% do resto de Europa, o 10,2% de América Latina e o 5,7% dos EE. UU. Os datos confirman, segundo un dos organizadores, o profesor da Universidade de Navarra Ignacio López-Goñi, que o curso é unha “valiosa ferramenta” accesible para grandes audiencias “para comunicar a ciencia, facer a ciencia aberta e accesible e aumentar a visibilidade da microbioloxía en todo o mundo”.

O curso pode agora consultarse en liña grazas á ferramenta Wakalet aberta en https://wakelet.com/@SEMicrobiologia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.12.2018.