Ir o contido principal

O primeiro estudo epidemiolóxico en gando ovino e caprino feito en Galicia urxe máis medidas de control fronte ás infeccións

Ana Pérez Creo defendeu a súa tese na Facultade de Veterinaria
Ana Pérez Creo defendeu a súa tese na Facultade de Veterinaria
A tese desenvolvida no Grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia da USC por Ana Pérez Creo achega datos de interese para veterinarios clínicos e gandeiros

O primeiro estudo epidemiolóxico que se realiza en Galicia advirte de que non se están a adoptar todas as medidas de control precisas para loitar contra algunhas infeccións e urxe incrementar as accións preventivas nos novos plans, tal e como se recolle na tese de doutoramento ‘Seroprevalencia de Fasciola hepática en gando ovino e caprino en Galicia e análise dos principais factores de risco’, que vén de presentar na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo Ana Pérez Creo, investigadora contratada do grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga), un grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia.

Dirixida polos profesores doutores da área de Sanidade Animal da USC María Patrocinio Morrondo Pelayo, Rosario Panadero Fontán, Ceferino López Sández e Pablo Díaz Fernández, a tese de doutoramento realizada por Ana Pérez Creo achega datos e resultados que se antollan de grande interese tanto para os veterinarios clínicos como para os propios gandeiros.

Na investigación, a través da técnica de inmunodiagnóstico ELISA MM3-SERO, baseada no emprego dun anticorpo monoclonal, a investigadora Ana Pérez Creo demostrou que a Fasciola hepática é un parasito moi prevalente e amplamente distribuído nos rabaños de ovino e caprino explotados en réxime extensivo e semi extensivo en Galicia. Constatouse asemade que o factor de risco máis importante é o tamaño do rabaño, sendo a seroprevalencia significativamente superior nas explotacións pequenas, debido a que se utilizan métodos de manexo tradicionais e non se aplican medidas adecuadas de control e prevención das enfermidades infecciosas e parasitarias.

Así mesmo, no marco desta investigación comprobouse que a seroprevalencia incrementase coa idade dos animais, debido a que estes, ao longo da súa vida, inxiren un maior número de metacercarias (fase infectante deste parasito hepático) que os animais máis novos. Cabe destacar que, a presenza de cabras nos rabaños de ovellas, incrementa de xeito salientable a seroprevalencia de infección por este parasito, debido a que nos rabaños mixtos realízase un control sanitario menos estrito. Daquela, conclúese que non se deben explotar en conxunto as ovellas e as cabras.

No entanto, observouse que a raza autóctona Cabra Galega é menos sensible ás infeccións por F. hepática que as cabras procedentes de cruces, xa que están máis adaptadas ao medio; polo que debería incrementarse a produción desta raza autóctona. Outra das conclusións deste estudo é o que atinxe a que a alta seroprevalencia de F. hepática achada nos pequenos ruminantes de Galicia demostra que non se adoptan as medidas necesarias para controlar esta infección; polo que os novos plans de control fronte a este parasito, que causa importantes perdas económicas nos ruminantes, deberían ter en conta os factores de risco achados no presente estudo.

Tribunal da tese e cualificación
O tribunal que xulgou a tese de doutoramento presentada por Ana Pérez Creo estivo integrado polos catedráticos de Sanidade Animal da USC Pablo Díez Baños e Florencio Martínez Ubeira. Francisco Alonso de Veiga, profesor titular de Sanidade Animal da Universidade de Murcia; Natividade Díez Baños, da Universidade de León, e José Antonio Castro Hermida, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, tamén formaron parte do tribunal avaliador, que cualificou con sobresaínte cum laude a investigación de doutoramento desenvolvida na Facultade de Veterinaria de Lugo por esta investigadora do Invesaga.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.12.2015.