Ir o contido principal

As principais institucións culturais homenaxean a Pascual Veiga no centenario do himno galego

No presente 2007 cúmprense os cen anos da estrea pública do Himno Galego, a versión musicada por Pascual Veiga do poema Os Pinos de Eduardo Pondal. Para conmemorar esta data e promover a figura de Veiga como compositor, a Universidade de Santiago, a Consellaría de Cultura e Deporte, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega organizan unha serie de actividades de diversa índole.
Esta programación presentárona esta mañá no Centro Galego de Arte Contemporáneo a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro; o vicerreitor de Cultura da USC, Elías Torres; o presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares; o presidente da Real Academia, Xosé Ramón Barreiro Fernández.
Curso de verán e concertos na USCNo marco desta celebración, a Universidade de Santiago organizará en setembro o curso ‘No centenario de Pascual Veiga (1842-1906): visións da Galicia no tempo do nacemento da Academia Galega’ baixo a dirección do catedrático de Historia da Música da USC, Carlos Villanueva Abelairas. O seminario terá como obxectivo a divulgación dun discurso contextual no que participarán especialistas galegos e españois en música, ideoloxía, literatura e historia de fins do século XIX e primeiro cuarto do XX para revisar, desde diferentes puntos de vista e no marco da sociedade galega, a música de salón, a relación entre música e nacionalismo, música e texto, autores do Rexurdimento ou música e emigración, así como unha atención particular á xénese do Himno Galego.
A figura de Pascual Veiga será tamén referencial para abordar outros aspectos extramusicais como a cultura e o pensamento na súa época, tradición e vangardas, o papel da prensa ou dos movementos sociais. Cada xornada do curso finalizará con concertos dedicados á música non só de Pascual Veiga, senón tamén dos seus contemporáneos galegos.
Ademais, e como preámbulo a este seminario, a USC ten previsto un ciclo de recitais a partir do mes de maio dedicado á música galega arredor do Rexurdimento, incluíndo obras de Pascual Veiga, Xoán Montes, Xosé Baldomir, Marcial del Adalid ou Canuto Berea, entre outros.
Edición íntegra da obra e congreso de investigaciónPola súa banda, a Consellaría está a promover un proxecto de investigación sobre Pascual Veiga que inclúe a edición integral da súa obra. Trátase de facer unha análise rigorosa e científica sobre a súa música, que vaia máis alá da coñecida Alborada e do Himno Galego, e inserir a súa figura na tradición cultural galega e europea. Para iso estanse a consultar fontes galegas e estatais relacionadas co labor de Veiga como compositor, profesor e creador e director de orfeóns. Este traballo permitirá realizar unha edición completa da súa obra en dous volumes, onde o segundo deles estará centrado no himno galego e as súas variantes.
Os resultados do proxecto de investigación exporanse nun congreso que terá lugar do 1 ao 3 de marzo na Escola de Altos Estudos Musicais e no que, baixo o lema ‘Pascual Veiga e a súa época’, tomarán parte historiadores, compositores, escritores e outras persoas relacionadas coa cultura galega e familiarizadas coa obra e vida de Pascual Veiga.
Símbolos de GalizaPola súa banda, o Consello da Cultura e a Real Academia elaborarán de forma conxunta unha publicación sobre os símbolos de Galicia, que incluirá o himno musicado por Veiga e que será coordinado polos presidentes das dúas institucións, ambos os dous catedráticos da Universidade de Santiago . O libro -que tamén inclúe a bandeira, o escudo e o Panteón dos Galegos Ilustres- pretende ofrecer un enfoque rigoroso, con anexos documentais, para contribuír a fixar o proceso histórico de constitución dos símbolos. A publicación incorporará un disco compacto con distintas interpretacións do himno galego ao longo do tempo.
Biografía de VeigaA estrea do Himno tivo lugar en 1907 no Gran Teatro Galego da Habana, seis meses despois de morrer o seu autor musical. A andaina musical de Veiga comezou moi cedo, sendo neno de coro e estreándose como organista na Igrexa de Nosa Señora do Campo na Coruña aos 22 anos. O primeiro premio recíbeo como membro do Orfeón Brigantino. Logo funda o Orfeón Coruñés e compón a súa obra máis coñecida, a Alborada gallega. Vinte anos máis tarde vai vivir a Madrid onde é director do Orfeón do Centro Gallego e o Orfeón Matritense, ademais de impartir clases no Conservatorio Nacional de Música.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.02.2007.