Ir o contido principal

As probas de selección de Estalmat baten récords con preto de 450 estudantes inscritos de toda Galicia

O proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas no ámbito da comunidade galega, forma parte do proxecto ESTALMAT-España, implantado en varias comunidades autónomas. Imaxe de arquivo. FOTO: Santi Alvite
O proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas no ámbito da comunidade galega, forma parte do proxecto ESTALMAT-España, implantado en varias comunidades autónomas. Imaxe de arquivo. FOTO: Santi Alvite
O programa de detección e estímulo do talento en matemáticas avalía este sábado as persoas aspirantes a integrar a súa edición número catorce
Santiago de Compostela

Un total de 442 estudantes de toda Galicia nacidos en 2007, 2008 e 2009 participan este sábado 12 de xuño nas probas de selección de entre 25 e 30 estudantes da promoción número catorce do proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas. Os participantes —195 rapazas e 247 rapaces— proceden na súa maioría das provincias de A Coruña (285) e Pontevedra (114), seguidas das de Ourense (35) e Lugo (8). Un total de 362 proceden do ensino público, e 80, do privado e concertado. Na presente convocatoria están representadas 91 localidades galegas diferentes.

Con este número de estudantes inscritos o proxecto ESTALMAT-Galicia consolida a súa traxectoria iniciada en 2007 e supera a media dos seis últimos anos, acadándose un máximo na porcentaxe de nenas inscritas. Con esta edición, son xa case 4.400 as e os estudantes que con 12 ou 13 anos teñen pasado pola Facultade de Matemáticas para facer a proba de selección. Ademais, con esta promoción, xa serán un total de 350 mozas e mozos os e as seleccionadas para participar neste programa de talento matemático.

A organización conta por primeira vez para o desenvolvemento da proba coa colaboración de tres centros de Ensino  Medio e de tres Facultades, en diferentes puntos de Galicia. O IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, o IES Castelao de Vigo, o IES A Xunqueira I de Pontevedra, a Facultade de Formación do Profesorado da USC en Lugo,  a Facultade de Matemáticas da USC en Santiago e a Facultade de Ciencias da Educación da UDC en A Coruña serán os puntos nos que se realicen os exercicios. A proba consiste na resolución de cinco problemas de distinto tipo e terá unha duración de dúas horas.

Medidas sanitarias

As e os participantes accederán aos centros a partir das 9:50 horas malia que no caso da Facultade de Matemáticas organizaranse distintas quendas de entrada a partir das 9.40 horas para facilitar o cumprimento do protocolo COVID. Os organizadores fan un chamamento á responsabilidade dos familiares dos participantes para facilitar os movementos nos accesos a todos os centros e para respectar as medidas sanitarias. As probas corríxeas de forma anónima un equipo de dez profesores, con dúas correccións independentes para cada problema, mentres que a preselección realízaa o conxunto do comité.

A lista alfabética dos preseleccionados farase pública na páxina web do proxecto antes do 30 de xuño. Os primeiros 25 ou 30 rapaces e rapazas preseleccionados e os seus pais, nais ou titores serán convocados a unha entrevista persoal. As actividades terán lugar na Facultade de Matemáticas e incorporaranse sesións en remoto para reducir as viaxes. A duración é de tres horas por sesión, nas mañás dos sábados dos dous vindeiros cursos académicos (20 sesións cada ano), con posibilidade de continuar un curso mais, Estalmat Pi (15 sesións). 

O equipo docente que atende os estudantes seleccionados está formado por 50 profesores de matemáticas do ensino medio e das universidades galegas. “Con esta iniciativa, quérese detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento, desenvolvendo aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas,  resolver problemas e, en definitiva, gozar desta ciencia ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para o seu mellor aproveitamento pola sociedade”, explica a responsable de Estalmat-Galicia, Elena Vázquez Cendón.

O proxecto

O proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas no ámbito da comunidade galega, forma parte do proxecto ESTALMAT-España, implantado en varias comunidades autónomas. Conta co aval científico da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España, tamén co apoio económico da Consellaría de Cultura,  Educación e Ordenación Universitaria, da Fundación Española para la Ciencia y la Ingeniería. Ademais, nas diferentes edicións, tamén contou ou conta co apoio das Deputacións da Coruña, Pontevedra, Ourense e Lugo, alén da infraestrutura e apoio xeral achegados pola USC, dun xeito especial pola Facultade de Matemáticas. O proxecto está conectado tamén coas actividades da Olimpíada Matemática (Fase Galega e Española) e as actividades de divulgación da Asociación Galega de Profesores e Ensinantes de Matemáticas (AGAPEMA).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.06.2021.