Ir o contido principal

Problemas do sector metalúrxico, da automoción e de procesos industriais atopan solucións nas matemáticas

Problemas do sector metalúrxico, da automoción e de procesos industriais atopan solucións nas matemáticas
Problemas do sector metalúrxico, da automoción e de procesos industriais atopan solucións nas matemáticas

O European Study Group with Industry (139 ESGI) concluíu na súa 139 edición con éxito de participación e resultados logo de achegar solucións aos cinco problemas propostos dende diferentes sectores industriais. Os investigadores galegos conseguiron atopar propostas inicialmente satisfactorias a retos relacionados coa metalurxia, automoción e a mellora de procesos industriais procedentes de cinco empresas de alcance multinacional como son Repsol, ArcelorMittal, Biomasa Forestal, EcoMT e BorgWarner. Ao longo de cinco días, estudantes de grao, máster, doutoramento e investigadores posdoutorais traballaron intensamente con investigadores senior para atopar solucións con prazos e custes. Se son viables formularase unha colaboración para o seu desenvolvemento.

A profesora da USC e director do Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), Peregrina Quintela, destaca o nexo común de todos os problemas estudados, xa que “as matemáticas foron a resposta” a todos eles. A partir deste punto “as industrias e os equipos de investigación continuarán a colaboración para desenvolver os que nestes cinco días de intenso traballo so houbo tempo de formular”.

Tecnoloxías como o big data, o machine learning e a MSO (Modelización, Simulación e Optimización) dan soporte a algunhas das solucións apuntadas no encontro, xa que para chegar á automatización dos procesos primeiro é precisa a metodoloxía matemática. Converter unha suma de cálculos complexos nun modelo simplificado sen perder exactitude, atopar a expresión dun fenómeno físico no que participan numerosas variables ou buscar a relación que gardan entre si os datos recollido por sensores son algunhas das tarefas que un/ha matemático/a ten que abordar antes de que as máquinas podan poñerse a facer o seu traballo.

Os ESGI son eventos itinerantes que se celebran entre cinco e sete veces ao ano en distintas cidades europeas cunha duración dunha semana. En España, celebráronse anteriormente en Sevilla, Barcelona e Santiago de Compostela, cidade que os acolleu por cuarta vez. En todos os casos, a celebración precisa da autorización do Oxford Centre for Industrial and Applied Mathematics (OCIAM), pertencente ao Instituto de Matemáticas da Universidade de Oxford, cidade na que tivo lugar o primeiro ESGI en 1968. O criterio de concesión dos dereitos de organización é a excelencia non só dos grupos de investigación matemática implicados na busca de solucións, senón tamén das empresas que participan. Para isto, realízase unha convocatoria previa na que calquera industria pode presentar as súas problemáticas.

O 139 ESGi estivo co organizado por ITMATI, a Rede math-in e a Acción COST MI-NET que tamén co financian o evento, ademais do co financiamento do Ministerio de Economía e Industria e Competitividade, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do proxecto ROMSOC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.07.2018.