Ir o contido principal

A produción científica da USC en Matemáticas mantense como a primeira do sistema universitario español

A USC repite posición en Matemáticas, xa que figura no primeiro posto dende a segunda edición desta listaxe que se refería ao período 2006-2010
A USC repite posición en Matemáticas, xa que figura no primeiro posto dende a segunda edición desta listaxe que se refería ao período 2006-2010
Segundo os datos da quinta edición do ránking I-UGR, no que tamén destaca o traballo do persoal investigador en Odontoloxía, Xeografía e Urbanismo ou Ciencia Política, entre outros

A produción científica da USC no ámbito das Matemáticas volve posicionarse como a primeira do sistema universitario español, segundo a quinta edición do ránking I-UGR por campos, que reflicte a produtividade investigadora das universidades en dous períodos temporais, o quinquenio comprendido entre 2009 e 2013 e a década 2004-2013. A USC repite posición neste campo, xa que figura no primeiro posto dende a segunda edición desta listaxe que se refería ao período 2006-2010. No ránking que analiza a produtividade por campos de coñecementos no período 2009-2013, tamén destaca a produción dos investigadores da USC en Ciencias Biolóxicas, situados no sexto posto, ou en Ciencias Agrarias e en Medicina e Farmacia, en ambos os dous casos no oitavo lugar de entre as universidades públicas e privadas españolas. Ademais destes, no período comprendido entre os anos 2004 e 2013, acadan posicións destacadas o traballo dos investigadores/as de Ciencias Agrarias (5º posto) e de Química e Enxeñaría Química (9º). Como en anteriores edicións, a listaxe tamén propón unha ordenación da capacidade produtiva das universidades no período 2009-2013 tomando como referencia ata un total de trinta e sete disciplinas. O traballo dos investigadores da USC alcanza as posicións máis destacadas en Odontoloxía (3º), Xeografía e Urbanismo (3º), Ciencia Política (4º), Farmacia e Toxicoloxía (5º), Bioquímica, bioloxía celular e molecular (5º) e Xenética e bioloxía evolutiva (5º). Tamén destaca a produtividade científica en Microbioloxía e Viroloxía (7º), Ecoloxía e Ciencias Medioambientais (7º), Medicina (8º) e Educación (9º). Xunto a estas disciplinas, no período 2004-2013 tamén se inclúen entre os dez máis destacados o labor de investigadores/as de Agricultura (5º), Saúde Pública (7º), Veterinaria e Gandeiría (8º), Enxeñaría Química (8º) e Química (9º). A quinta edición dos ránkings I-UGR de Universidades Españolas ofrece unha análise das universidades públicas e privadas españolas a partir da investigación publicada en revistas internacionais. Está elaborado polos grupos de investigación da Universidade de Granada EC3-EC3metrics spin-off e SCI2S. Os eu obxectivo é coñecer a capacidade do sistema universitario español de investigación para xerar coñecemento nos distintos campo se disciplinas científicas. Para a súa elaboración propón un método de ordenamento que sintetiza seis indicadores bibliométricos de produción e impacto científico nun único indicador, denominado IFQ2A-Index. O método aplícase na avaliación dun total de doce campos e 37 disciplinas científicas. A fonte de información utilizada son as bases de datos Web of Science e Journal Citation Reports de Thomson-Reuters.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.06.2014.