Profesionais de todo o mundo debaten sobre infancia na Universidade de Santiago
Máis de douscentos profesionais de todo o mundo participan dende este xoves ata o sábado 2 de maio no congreso internacional ‘Avancemos con eles. O mundo da infancia a debate’ que organiza a Unidade de Atención Temperá da USC. O encontro inaugurouse no Colexio de Fonseca nun acto ao que, ademais do vicerreitor Miguel Vázquez Taín, asistiu a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas.
Logo da apertura, foi o catedrático de medicina xenómica da USC e director do Instituto de Medicina Legal, Ángel Carracedo, o encargado de pronunciar a conferencia inaugural na que analizou os retos da medicina xenómica no campo da infancia. A xornada matinal rematou coa entrega do III Premio A.Ga.D.I.R. (Asociación Galega para a Docencia e a Investigación do Retraso Mental) ao Mérito da Docencia e Investigación no Campo do Retraso Mental a Manuel Iglesias Diz, catedrático de Obstetricia e Xinecoloxía da USC.
Durante os tres días de congreso, os profesionais analizarán os mellores métodos para evitar problemas como malos tratos, episodios de violencia nos colexios ou dificultades de aprendizaxe asociados a algún tipo de trastorno, para o que se conta coa presenza, na tarde deste xoves, da profesora da Pontifica Universidade Católica de Perú e presidenta da ONG REDESS Jóvenes, María M. Raguz Zavala.
Métodos de intervenciónDaranse tamén a coñecer os mellores métodos de intervención para paliar problemas de aprendizaxe en menores con hiperactividade, autismo ou con enfermidades raras, coas intervencións do médico adxunto do Hospital Clínico de Santiago, Jesús Eirís -o venres ás 16:00 horas no NH Obradoiro-, e o responsable do Instituto de Investigación en Enfermidades Raras, Manuel Posada, que pronunciará o sábado 2 ás 12:30 horas no Salón Nobre de Fonseca a conferencia de clausura.
Ademais, persoas que presentan algún tipo de discapacidade ou algún trastorno no seu desenvolvemento falarán en Santiago sobre as súas necesidades. Será o venres, 1 de maio, nunha mesa redonda moderada pola doutora xefe da Unidade de Xenética do Hospital Central de Asturias, Ana Benavides, a celebrar ás 12:00 horas no NH Obradoiro.
O Congreso, declarado de interese sanitario pola Xunta de Galicia, conta coa colaboración de entidades como Unicef, o Real Patronato de Prevención das discapacidades, o Observatorio Galego da Infancia, Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Fademga, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Autismo Galicia, Fundación Renascer ou Arela.