Ir o contido principal

Profesionais e persoal investigador reflexionan en Ciencias da Comunicación arredor de si ‘Os medios en galego, importan?’

Organizadas pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación a proposta de integrantes da Liga Estudantil Galega comezan este martes 8

‘Os medios en galego, importan?’ conxuga a pregunta e o lema dunhas xornadas que a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación vai celebrar no propio centro dende este martes 8 ata o xoves 10. O encontro formúlase como unha reflexión sobre o futuro do xornalismo realizado en lingua galega, que conta co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC e xorde a proposta da Liga Estudantil Galego. O reitor Juan Casares presidirá ás 9:30 horas o acto de inauguración das xornadas, ao que lle seguirá o profesor Víctor Freixanes coa conferencia ‘A crise na prensa’, seguido da intervención do secretario xeral de Medios Alfonso Cabaleiro e da profesora da Universitat Autònoma de Barcelona Mª Isabel Fernández que abordarán ás axudas institucionais á prensa. Para completar a sesión matinal José L. Gómez e Emma Torres, da Universidade de Vigo, presentarán o relatorio ‘Publicidade e viabilidade comercial da prensa en galego’. Pola tarde, a partir das 16.30 horas, o programa comezará falando sobre o tema ‘Os lectores e os xornalistas. Difusión e lectura real da prensa en Galicia’ a cargo de Óscar Juanatey, da Universidade da Coruña, e do profesor da USC Miguel Túnez en representación do Consello da Cultura Galega. Para completar este primeiro día celebrarase unha mesa de debate arredor de ‘Economía de prensa en Galicia’, coa participación de representantes de El Correo Gallego, La Voz de Galicia, La Región, El Progreso e Faro de Vigo, moderados polo decano do Colexio de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro. O programa deseñado trata de poñer a énfase na importancia de contar con medios de comunicación propios elaborados en lingua galega “para a saúde da identidade e da cultura galegas”, apuntan os seus promotores. Representantes dos medios de comunicación, profesionais e investigadores analizarán e reflexionarán sobre as pexas e as posibilidades da existencia de medios de comunicación en lingua galega. Os seus promotores sinalan como unha das súas metas “buscar unha reflexión conxunta da situación que viven medios en galego”, tanto á hora do seu consumo como da súa produción, “ abordando diferentes tipos de medios”. Así, o programa propiciará un debate sobre a viabilidade comercial da prensa en galego, achegará novos modelos de prensa en galego e mesmo avaliará a situación da industria audiovisual en Galicia, mediante a revisión dos modelos de éxito na televisión en galego e o achegamento ás posibilidades da radio e do cinema neste lingua. Está solicitado un crédito de libre configuración para todas as titulacións da USC por participar nas xornadas. As persoas que participen nesta actividade, que é totalmente gratuíta, recibirán un diploma de asistencia e aproveitamento, que se entregará tras a recepción dun pequeno traballo que aborde as cuestións tratadas durante as xornadas. Para máis información http://www.usc.es/snl/dinamiza/mediosengalego.htm.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.11.2011.