O profesor Alan Robock falará na Facultade de Física sobre xeoenxeñaría e quecemento global
O profesor da Rutgers University (Nova Jersey) Alan Robock falará este luns 21 ás 12.00 horas na Facultade de Física sobre as aplicacións da xeoenxeñaría para combater o quecemento global e as súas consecuencias adversas. O experto explicará, na charla titulada ‘The Geongineering Model Intercomparison Projet’, o proxecto para inxectar gases sulfurosos na estratosfera que bloqueen a radiación solar. O profesor analizará os diferentes métodos posibles para a aplicación desta técnica, a través de avións, globos aerostáticos ou armamento máis sofisticado, así como a súa eficacia e posibles efectos adversos. Tamén analizará o seu custe económico, posto que a pesar de non ser un método excesivamente caro, a súa aplicación complícase pola dificultade para crear a grande cantidade de gases sulfurosos que sería necesaria. Alan Robock é un recoñecido divulgador científico, que participa habitualmente en debates e documentais en diversos medios de comunicación, entre eles a CNN. É coñecido pola súa proposta para combater o cambio climático con gases sulfurosos imitando o efecto dalgunhas erupcións volcánicas e por advertir, cun exhaustivo análise científico, das tráxicas consecuencias que tería para a vida no planeta o uso de armas nucleares.