O profesor Ángel García Vidal reflexiona en Dereito sobre os nomes de dominio en Internet
Os termos e condicións de rexistro de nomes de dominio ‘.es’ e ‘.eu’, así como as directrices e normas de solución de controversias do dominio ‘.eu’ son algunhas das liñas máis novidosas ás que se ten que enfrontar na actualidade o dereito da propiedade industrial. O profesor Ángel García Vidal, director do Centro de Documentación Europea da USC, atendeu este luns 23 a estas cuestións no transcurso dunha conferencia pronunciada na Facultade de Dereito.
O profesor García Vidal, considerado entre os máis salientables novos xuristas galegos no eido da Propiedade Industria e Intelectual, formouse como doutor na Universidade italiana de Bolonia cunha investigación que recibiu o premio á mellor tese de doutoramento en dereito privado durante o bienio 1997/99. Posteriormente ampliou estudos no Max Planck Institut für ausländisches und internationales Patent-, Urheber- und Wettbewerbsrecht (Múnich, Alemania), e no Max Planck Institut für ausländisches und internationales Privatrecht (Hamburgo, Alemania). De volta a Galicia ostentou durante varios anos a secretaría do Instituto de Dereito Industrial da USC, cargo dende o que fortaleceu as bases investigadoras deste centro.
O seu currículo académico valeulle unha mención honorífica do Ministerio de Educación e Cultura ao que logo se sumaría o Premio Galicia 2002 de Investigación no eido das Ciencias Sociais da Xunta de Galicia. Ademais é experto da Organización Mundial da Propiedade Intelectual (OMPI) para a resolución de controversias en materia de nomes de dominio, da asociación Autocontrol (para a autorregulación da comunicación comercial, a resolución de conflitos en materia de nomes de dominio ‘.es’) e da Corte Española de Arbitraxe.
Coa reincorporación do profesor García Vidal ao seu cadro de relatores, o Curso Jean Monnet de Integración Europea e Dereito Privado da USC reforza a súa colaboración co Centro de Documentación Europea da USC e dá continuidade ao seu compromiso a prol da posta en valor dos mellores investigadores galegos nas ciencias sociais que recollen os máis salientables recoñecementos pola comunidade universitaria española, europea e internacional.