Ir o contido principal

O profesor Antonio Valle visitou a USC para inaugurar unha aula co seu nome

Antonio Valle e Juan Viaño no transcurso do acto celebrada na Facultade de Matemáticas
Antonio Valle e Juan Viaño no transcurso do acto celebrada na Facultade de Matemáticas

O antigo profesor da Facultade de Matemáticas Antonio Valle Sánchez volveu este luns á USC para participar nun acto que se integra na conmemoración do 50 aniversario do centro e ao que el non puido acudir no seu día. Así foi que o profesor Valle por fin puido ver como unha das aulas da Facultade levará a partir de agora o seu nome. Neste acto participaron o decano Juan Viaño e dous antigos alumnos, os profesores Gerardo Rodríguez López e Alfredo Bermúdez de Castro.
Lembrar a tarefa docente dos profesores que ao longo de todos estes anos pasaron pola Facultade foi a intención dos organizadores da clausura da celebración dos 50 anos. Por iso a aula dedicada a Antonio Valle súmase ás que xa homenaxean a Ramón María Aller Ulloa, Enrique Vidal Abascal, Eduardo García-Rodeja Fernández, Antonia Ferrín Moreiras e Ramiro Melendreras Gimeno.
Como lembrou Gerardo Rodríguez no acto, ao profesor Valle caracterizábano as súas “admirables clases” xunto cunha enorme dedicación á labor científica, enfocando “as que serían liñas básicas da investigación do departamento en torno á Teoría do Control e dos Sistemas Dinámicos”.
Antonio ValleAntonio Valle Sánchez (Málaga, 1930) licenciouse en Ciencias Matemáticas na Universidade Complutense de Madrid. Incorporouse á USC en 1967 ao obter a Cátedra de Análise Matemática 2º e 3º, permanecendo nela ata 1973, cando se trasladou á Universidade de Sevilla.
No primeiro ano de permanencia en Santiago impartiu persoalmente a docencia de todas as materias de Análise Matemática ademais das dalgúns centros que o solicitaron. Organizou cursos e ciclos de conferencias importantes que fixo que os membros do Departamento fosen relacionados con investigadores de universidades como Milán, Florencia, Burdeos e París, ou co Imperial College e INRIA.
Na USC foi director dos Departamentos de Ecuacións Funcionais e Teoría de Funcións, vicedecano e decano da Facultade de Ciencias, presidente do Padroado do Centro de Cálculo, ademais de promotor da Sociedade Española de Matemática Aplicada (SEMA) e primeiro presidente desta.
Foille concedida a Insignia de Ouro da USC e o goberno francés, en atención á súa decisiva actividade a prol do establecemento de relacións científicas entre Francia e España, condecorouno como ‘Chevalier de L’Ordre National du Mérite’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.03.2009.