Ir o contido principal

O profesor Carlos Diéguez acaba de ser designado director científico do Ciberobn

O profesor Carlos Diéguez acaba de ser designado director científico do Ciberobn
O profesor Carlos Diéguez acaba de ser designado director científico do Ciberobn

O profesor e director do Centro singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CIMUS), Carlos Diéguez, acaba de ser designado director científico do CIBER de Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición (CIBEROBN) dependente do Instituto de Saúde Carlos III. Toma así o relevo do tamén profesor da USC Felipe Casanueva que ocupaba o cargo dende a creación do centro. Carlos Diéguez é catedrático de Fisioloxía da USC e pertence ao CIBEROBN dende o seus inicios, sendo o coordinador do Grupo de Obesómica Funcional, que investiga as alteracións a nivel do cerebro pola exposición a dietas altas en graxas e a busca de novas dianas terapéuticas para o tratamento da obesidade. É autor de máis de 400 traballos en revistas internacionais de alto impacto, con número H de 84, ademais de ter dirixido 29 teses de doutoramento e participado como investigador principal de proxectos nacionais e internacionais. Ademais do seu labor docente e investigador, ocupou diversos cargos relacionados coa xestión científica como presidente da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición, director do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago, xestor do Plan Nacional de Investigación e coordinador de avaliación de proxectos do ISCII. Ademais, na actualidade é membro do comité científico do Programa Europeo de Investigación ‘ Unha dieta saudable para unha vida saudable’ e asesor externo de diversos centros como os Institutos de Investigación Sanitaria de Vall d Hebrón, de Málaga, de Córdoba e de Navarra. Entre outros recibiu o Premio á mellor traxectoria Científica da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición e o Premio Geoffrey Harris da Sociedad Europea de Endocrinoloxía.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.06.2015.