O profesor de Ciencias da Educación Xesús Rodríguez foi nomeado vicepresidente da Asociación Internacional de Investigación sobre o Libro de Texto e Material Didáctico
O profesor do Departamento de Didáctica e Organización Escolar Xesús Rodríguez acaba de ser nomeado vicepresidente da Asociación Internacional de Investigación sobre o Libro de Texto e Material Didáctico (IARTEM) na reunión da directiva celebrada no transcurso do décimo segundo congreso internacional sobre ‘Libros de texto e material didáctico’ celebrado en Ostrava (República Checa). Xesús Rodríguez é ademais vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación e membro do grupo de investigación Stellae, así como membro do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega e director da Revista Galega de Educación. IARTEM é unha das asociacións internacionais máis importantes a nivel internacional neste ámbito e a ela pertencen investigadores de máis de 50 países do mundo que realizan actividades de investigación neste ámbito. A directiva está conformada por membros de Australia, Sudáfrica, Alemaña, Noruega, República Checa, Brasil, Reino Unido, Holanda e Francia. O novo presidente é o profesor da Central Queensland University de Australia Mike Horsley, quen sustitúe á profesora Susanne K. Knudsen da Vestfold University College de Noruega. Para os próximo anos, IARTEM ten entre os seus obxectivos fundamentais a organización do encontro internacional sobre libros de texto e materiais didácticos que terá lugar en Berlín en 2015, a organización de diversos encontros rexionais e seguir fortalecendo a función da asociación como espazo de encontro entre docentes e investigadores de diferentes países. Ademais, a asociación traballará tamén en impulsar o desenvolvemento de proxectos e liñas de investigación neste ámbito. Unha das actividades fundamentais da asociación é a publicación da revista IARTEM E-journal (http://biriwa.com/iartem/ejournal/), que se encontra incluída nalgunhas das bases de datos internacionais máis importantes. Nos próximos anos preténdese que a revista tamén poida recoller publicacións en español e portugués.