Ir o contido principal

O profesor emérito da USC Alberto Arce Arce, condecorado coa encomenda da Orde Civil de Alfonso X o Sabio

O reitor impúxolle o ano pasado a Alberto Arce (á dereita) a Insignia de Ouro da USC (Foto: Santi Alvite)
O reitor impúxolle o ano pasado a Alberto Arce (á dereita) a Insignia de Ouro da USC (Foto: Santi Alvite)

O ministro de Educación, Cultura e Deporte concedeulle ao catedrático xubilado da USC Alberto Arce Arce a Encomenda da Orde Civil de Alfonso X o Sabio polas súas cinco décadas de dedicación ao eido académico, investigador e de xestión universitarias. O profesor Arce, que hoxe se declaraba "moi emocionado" polo recoñecemento, é unha "referencia no eido da Enxeñaría Química en España”, segundo recolle o comunicado do Ministerio.

Na Universidade de Santiago Alberto Arce impartiu máis de 20 materias diferentes en áreas de Química Industrial e Enxeñaría Química, dirixiu máis de 60 proxectos fin de carreira e traballos de fin de grao e tivo un papel moi activo nas comisiones de implantación na USC da especialidade de Química Industrial dentro da Sección de Química, a titulación de Enxeñaría Química, o grao de Enxeñaría Química e o Máster de Enxeñaría Química e Bioprocesos.

Alberto Arce
O profesor Arce defendeu en 1970 a súa tese doutoral baixo a dirección do profesor Gabriel Tojo e na actualidade é profesor emérito na Escola Técnica Superior de Enxeñaría. En 1976 crea o seu propio grupo de investigación, Procesos de Separación e Equilibrio entre Fases, do que aínda é coordinador. Ao longo da súa traxectoria académica participou en 12 proxectos de investigación autonómicos, 9 estatais e 3 europeos. Cun factor h de 36, posúe 180 publicacións indexadas na ISI Web of Knowledge e máis de 3.500 citacións.

É pioneiro en España na investigación con líquidos iónicos na área de enxeñaría química e autor dunha patente internacional, aprobada con exame, para a síntese de nanopartículas con líquidos iónicos. A súa capacidade de formación de investigadores colocou os seus doutorandos en recoñecidos postos de investigación en todo o mundo (Bayer, CEPSA, Dow Chemical, Inditex…). O seu gran prestixio internacional levouno a ser nomeado representante español do Working Party on Thermodynamics and Transport Properties da Federación Europea de Enxeñaría Química.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.10.2016.