Ir o contido principal

O profesor emérito Xosé Antón Gómez Segade, II Premio Luís Porteiro Garea á promoción e uso do galego na USC

Imaxe de arquivo de Xosé Antón Gómez Segade
Imaxe de arquivo de Xosé Antón Gómez Segade
O acto de entrega terá lugar o luns 16 de setembro, ás 13.00 horas, no Paraninfo da Universidade
Santiago de Compostela

O xurado do II Premio Luís Porteiro Garea destinado a recoñecer a promoción e uso do galego da USC concedeu por unanimidade este galardón na que xa é a súa segunda edición, a Xosé Antón Gómez Segade, catedrático emérito de Dereito Mercantil. O acto de entrega terá lugar o luns 16 de setembro, ás 13.00 horas, no Paraninfo da Universidade na Facultade de Xeografía e Historia.

O xurado salientou na súa acta o compromiso do premiado “coa lingua na súa vocación de creador e, sobre todo, de transmisor do coñecemento do dereito, especialmente no eido da propiedade industrial, onde goza dun enorme prestixio e proxección internacional”.

Nesta segunda edición do premio, o xurado presidido polo reitor Antonio López, estivo integrado polo vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo Costa; Rita Gradaílle Pernas, representante da Comisión de Normalización Lingüística do Claustro; Ana María González Noya, representante das comisión de normalización lingüística do Campus de Santiago; Ana Isabel García Arias, representante das comisións de normalización lingüística do Campus de Lugo; Xavier Varela Barreiro, profesor da Facultade de Filoloxía; Ana Isabel Boullón Agrelo, profesora da Facultade de Filoloxía; e Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística e secretario do xurado.

Traxectoria académica

Catedrático de Dereito Mercantil dende 1981 na USC, Gómez Segade despregou unha intensa actividade académica e de investigación, en particular en España, Portugal, Alemania e nos Estados Unidos. Resultado dese traballo foron, entre outros motivos, varios libros, máis de 130 artigos en revistas extranxeiras e nacionais, quince teses de doutoramento, participacións en cursos ou congresos. Foi decano da Facultade de Dereito, director do Instituto de Dereito Industrial e vicerreitor da USC, entre outros cargos. Gómez Garea foi recoñecido co Premio Galicia de Investigación Montero Ríos concedido polo Goberno Autónomo Galego en 2002 pola súa traxectoria como profesor e investigador senior.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.12.2019.