O profesor Enrique Gómez-Reino recibiu de mans do ministro de Xustiza o título da Cruz Distinguida de 1ª Clase da Orde de San Raimundo de Peñafort
O ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, entregoulle este mércores 26 o título da Cruz Distinguida de 1ª Clase da Orde de San Raimundo de Peñafort ao profesor da USC Enrique Gómez-Reino, nun acto en San Xerome no que tamén participaron o reitor compostelán Juan Casares, a secretaria xeral da USC, Lourdes Noya, e o decano da Facultade de Dereito, Luís Míguez Macho. Esta distinción premia os servizos prestados e a contribución ao desenvolvemento do Dereito e a Xurisprudencia entre funcionarios da administración de xustiza, profesionais deste ámbito ou autores de publicacións de carácter xurídico de relevante importancia, entre outros. Ademais, no caso de Enrique Gómez-Reino, que agradeceu a presenza do ministro e dunha destacada representación do cadro de persoal docente da Facultade de Dereito, o título supón a continuación dunha saga familiar que comeza no seu avó. A laudatio do decano de Dereito marcou un percorrido pola experiencia académica e profesional do profesor Gómez-Reino tanto na propia USC como fóra dela, que deu paso ao reitor Juan Casares. O reitor recordou que o catedrático en Dereito Administrativo únese deste xeito a unha destacada lista de docentes da USC con semellante distinción, “profesores que estiveron á altura do que se lles pedía, aínda que foron quen de ir máis alá”. Completando a quenda de intervencións, o ministro agradeceu ao catedrático compostelán “as leccións que aprendín de ti”, lembrando a súa etapa como alumno na Facultade de Dereito da USC, destacando que “a transmisión do coñecemento é un dos grandes legados do profesor Gómez-Reino”. Enrique Gómez-Reino O profesor Enrique Gómez-Reino suma o recoñecemento entregado hoxe polo ministro de Xustiza á Encomenda de Número da Orde do Mérito Civil, distinción outorgada recentemente polo Rei a proposta do Ministerio de Asuntos Exteriores a aquelas persoas que prestan ou teñan prestado servizos relevantes ao estado “con traballos extraordinarios, proveitosas iniciativas ou con constancia exemplar no cumprimento dos seus deberes”. Discípulo do prestixioso catedrático Eduardo García de Enterría, Enrique Gómez-Reino formouse nas universidades de Sorbona, Nancy, Estrasburgo e Bristol. Con anterioridade á súa etapa na USC foi tamén catedrático na Universidade Complutense de Madrid e, entre outras materias é experto en Dereito Administrativo Económico, Dereito da Competencia e Liberdades da Información. O dereito das telecomunicación, do audiovisual e da competencia son os temas que centran as súas liñas de traballo no ámbito da investigación, para o que ten recibido axudas en convocatorias competitivas da Xunta de Galicia, do Ministerio de Educación e da Dirección Xeral de Ciencia e Tecnoloxía. É autor de preto dunha decena de libros e dunha vintena de capítulos e membro da Academia Española de Profesores de Dereito Administrativo e das asociacións ítalo-española, franco española e internacional de docentes neste eido do Dereito. Ademais forma parte da Asociación Española de Dereito Audiovisual, do European Public Law Center (Atenas), do Instituto Internacional de Estudos de Dereito do Estado (Brasil) ou da Asociación Iberoamericana de Dereito Administrativo, entre outros. Foi vogal do Tribunal de Defensa da Competencia e representante español no Comité de Defensa da Competencia da OCDE. O acto celebrouse no Salón de Graos do Colexio de San Xerome