Ir o contido principal

O profesor Fraga Bermúdez tomou posesión como decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía

O catedrático de Pediatría José María Fraga Bermúdez tomou posesión este xoves 22 do seu cargo como decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía nun acto celebrado no Salón de Graos do Colexio de San Xerome baixo a presidencia do reitor compostelán, Senén Barro.
O decano repite no cargo logo da súa reelección o pasado mes de decembro cun equipo no que lle acompañan os vicedecanos María Jesús Mora, José Luis Relova e David Arauxo, e de Ana Bermejo como secretaria. O profesor Fraga obtivo o 81 por cento dos votos emitidos nun proceso electoral no que participou o 61 por cento da Xunta de Facultade.
No seu discurso de toma de posesión, José Mª Fraga Bermúdez fixo un amplo percorrido polas particularidades do centro que dirixirá por outros catro ano e entre as que destacou o volume de alumnos, con máis 2.000 estudantes matriculados, así como o destacado fluxo de intercambio de universitarios con vinte universidades de doce países. O decano destacou tamén a complexidade de conciliar a docencia, coa investigación e a asistencia, como eixes principais da actividade da Facultade.
Fraga subliñou que a produción científica dos investigadores do centro sitúan á USC nos primeiros postos de entre todas as facultades de España. Semellantes rexistros acadan os titulados pola Universidade compostelá nas probas do MIR, xa que segundo expuxo o decano, a de Santiago sería a sexta Facultade de Medicina española con máis titulados entre os primeiros clasificados.
Pola súa banda, o reitor centrou boa parte da súa intervención no proxecto do futuro Campus de Ciencias da Saúde “o máis ambicioso nunca acometido na universidade galega e o de maior impacto na docencia e a investigación”. Da idea inicial ata a actualidade, o proxecto experimentou unha importante transformación xa que pasou dos 8.000 metros cadrados de edificabilidade aos 68.000 que actualmente se contemplan. O reitor compostelán destacou igualmente a magnitude da iniciativa polo seu volume económico, xa que o custe total superará o cen millóns de euros.
Aínda que nun primeiro momento o Campus de Ciencias da Saúde supoñía unicamente o traslado da Facultade de Medicina e Odontoloxía e da Escola de Enfermaría, o reitor explicou que na actualidade o proxecto contempla ademais unha Clínica Odontolóxica, un Aulario xa en construción a carón do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, unha biblioteca de Ciencias da Saúde, un centro de investigación médica e outro de Ciencia e Tecnoloxía da Vida, este último en colaboración co CSIC e que supón o maior compromiso que o Consejo ten asumido cunha universidade galega.
Fraga BermúdezCon anterioridade a ocupar o decanato da Facultade de Medicina, José Mª Fraga Bermúdez foi director do Hospital Clínico Universitario, director médico do Hospital Xeral de Galicia, director e secretario do departamento de Pediatría da USC, vicedecano da Facultade de Medicina así como director da Escola Universitaria de Enfermaría da Cidade Sanitaria Juan Canalejo. Ten publicados máis de cen traballos científicos e dirixidas máis de 20 teses de doutoramento e 25 proxectos de investigación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.03.2007.