O profesor Francisco Ares Pena elixido presidente do comité español da Unión Científica Internacional de Radio
O profesor Francisco Ares Pena, director do grupo de Sistemas Radiantes da USC, acaba de ser elixido por unanimidade presidente do comité español da Unión Científica Internacional de Radio (URSI), organización non gobernamental e sen ánimo de lucro responsable do estímulo e coordinación dende unha perspectiva internacional dos estudos, investigación, aplicación e intercambio científico no eido das tecnoloxías das comunicacións. A elección do profesor Ares celebrouse a pasada semana en Bilbao no transcurso do Simposio Nacional que a URSI celebra anualmente de maneira ininterrompida dende o ano 1980. Ao encontro acoden regularmente máis de catrocentos investigadores e profesionais da área das tecnoloxías da información e das comunicacións. A próxima sede do Simposio será a Universidade Carlos III de Madrid, na que Francisco Ares xa intervirá como novo presidente do comité español da URSI. A Universidade de Santiago acollerá novamente este simposio –xa fora a súa sede en 1999- no ano 2013. Francisco Ares Pena O profesor Francisco José Ares Pena (Cabanas, A Coruña) doutorouse en Física pola USC en 1993, desenvolvendo diversas estadías na Universidade de California nos Ánxeles (UCLA), onde desenvolveu parte da súa tese de doutoramento. Na actualidade é profesor de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada da Facultade de Física de Santiago, tendo recibido da Aneca a Acreditación ao corpo de Catedráticos de Universidade. Publicou preto de 300 artigos en revistas internacionais, congresos e capítulos de libro e actuou como revisor en 23 revistas internacionais citadas no SCI (Science Citation Index) e pertence ao comité editorial de dúas delas.
Foi merecedor de diversos recoñecementos entre os que destaca o premio ao mellor traballo presentado no Congreso de Antenas que celebrou a Axencia Europea do Espazo en xuño de 2005 en Holanda ou o Fellow outorgado pola Sociedade de Antenas do Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE). A súa liña de investigación abarca métodos numéricos para resolver problemas electromagnéticos e síntese de agrupacións de antenas.